COP25: do acordo aos feitos para combater a emerxencia climática

December 30, 2019

Artigo de opinión orixinalmente publicado en inglés en Euractiv, firmado xunto aos eurodeputados socialdemócratas Jytte Guteland (Suecia) e Mohammed Chahim (Países Baixos).

O cambio climático é unha ameaza existencial, constitúe o maior reto ao que nos enfrontamos. A comunidade científica fai tempo que pasou de ter indicios a demostrar con evidencias que o quecemento global é real e está causado pola actividade humana. Podemos observar os efectos do cambio climático nos ecosistemas, a saúde humana e a economía. Con eventos extremos máis frecuentes, como vagas de calor, tormentas, incendios forestais e inundacións en todo o mundo. Efectos adversos que impactan en toda a sociedade, e de forma máis severa nas poboacións máis vulnerables.

Reclamamos unha acción decidida xa, tanto para a mitigación como para a adaptación. O Parlamento Europeo proclamou o estado de emerxencia climática. Por dicilo brevemente, o mundo estase quedando rapidamente sen tempo e precisamos liderado político e accións concretas antes de que sexa demasiado tarde. Como ben dixo o Secretario Xeral da ONU na recente Cumio do Clima en New York, “a emerxencia climática é unha carreira que estamos perdendo, pero é unha carreira que podemos gañar”.

Agora temos entre as mans unha última oportunidade: o Acordo de París. A comunidade internacional acordou limitar o aumento medio da temperatura moi por debaixo dos 2ºC, e incrementar os esforzos para limitalo a 1.5ºC como máximo.

Aínda que o Acordo de París é en si mesmo un éxito incontestable, queda por diante a verdadeira loita. As emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro (GEI) non só non están a diminuír, senón que continúan crecendo. Desde a firma do acordo, o certo é que as emisións de GEI seguiron aumentando durante estes catro anos, xusto os máis cálidos da historia. A acción climática mundial non está indo na dirección adecuada. É máis, as medidas planeadas, as chamadas Contribucións Nacionais Determinadas (ou NDCs, nas súas siglas en inglés) son claramente insuficientes: en lugar de acadar o obxectivo de 1.5ºC, espérase que as temperaturas globais aumenten 3.2ºC para 2100, con consecuencias catastróficas. Tampouco as contribucións da Unión Europea están actualmente na liña dos obxectivos de París.

No podemos permitirnos máis incumprimentos. O ano pasado, o IPCC deixaba claro que un incremento da temperatura de 2ºC tería un impacto significativo máis daniño que un incremento de 1.5ºC. Este ano, os informe sobre os impactos na terra e os océanos advírtennos de perdas “irreversibles” nestes ecosistemas, con un impacto directo sobre todo o que nos rodea, desde o aire que respiramos, ata os alimentos que consumimos e a nosa saúde.

Se estes son os riscos, por que non hai unha acción máis decidida? Por falta de apoio cidadán? Todo o contrario. Segundo o último Eurobarómetro, un 93% da cidadanía da UE considera como un serio problema o cambio climático. E a nivel mundial, acabamos de vivir a mobilización global cidadá máis importante da historia, cando en setembro unha cifra récord de 7,6 millóns de persoas, principalmente mozas e mozos, tomaron as rúas, conscientes de que van herdar mañá as consecuencias do que fagamos hoxe.

É por inviabilidade económica? En absoluto. Non hai coste maior que non actuar. É máis, combater a emerxencia climática é tamén unha oportunidade económica. A Comisión Europea cifra nun incremento do 2% do PIB o impacto adicional de descarbonizar a economía por completo en 2050, creando novas oportunidades de emprego local e de alta calidade.

Non se trata de castelos no aire: os europeos, como os terceiros maiores emisores de GEI por detrás de China e Estados Unidos, levamos anos traballando na descarbonización da economía. E ese traballo dou os seus froitos: entre 1990 e 2018 reducimos as nosas emisións nun 23%, mentres que o PIB aumentou en máis dun 61%. Como resultado, Europa non só consume hoxe menos enerxía, tamén de forma máis eficiente e máis limpa, con unha economía substancialmente máis grande e moderna que a de fai 20 anos. Pero non podemos relaxarnos. Ante nós atopamos a necesidade de realizar cambios profundos no noso modelo de produción e consumo para afrontar os desafíos aos que nos enfrontamos e cumprir os compromisos adquiridos.

O que precisamos, por tanto, é compromiso político. Para ilo, impulsamos ao Parlamento Europeo a declarar a emerxencia climática e ambiental. Como a voz que representa aos 500 millóns de cidadáns de Europa, o Parlamento Europeo adoptou unha postura clara ante a COP25. Esiximos que Europa lidere a axenda internacional e tome con urxencia medidas concretas necesarias para loitar e conter esta ameaza antes de que sexa demasiado tarde. Pero os esforzos para limitar o quecemento global só terán éxito se Europa logra mobilizar tamén ao resto da comunidade internacional.

A nivel global, temos que forxar consensos multilaterais e compromisos por parte de países intensivos en emisións como China, India ou Rusia, ante a irresponsable retirada de Estados Unidos. A este respecto, a COP25 é fundamental por dous motivos: o primeiro, porque a conferencia se produce a un ano da primeira revisión das NCDs, de aí a necesidade de mostrar ambición. O segundo, porque a COP24 de Katowice avanzou no marco técnico necesario para pór en marcha os obxectivos no Acordo de París. Agora é necesario completar ese marco. Debemos avanzar en temas como os prazos comúns para as NDCs ou disposicións detalladas para a notificación de emisións de GEI, accións de mitigación e apoio, así como nos enfoques cooperativos das partes para mitigar as emisións a través dos mecanismo do mercado de carbono, e evitar o dobre cómputo de reducións de emisións. Establecer un prezo ao carbono é unha ferramenta fundamental para avanzar de maneira eficiente na redución de emisións. Nese sentido, o mercado europeo de dereitos de emisión pode ser considerado por outros países como un mecanismo global para modular o prezo de CO2 e reducir emisións.

A nivel europeo, nós, como parte da Delegación do Parlamento Europeo na COP25, temos o firme mandato de mostrar ao mundo que Europa aporta liderado na loita contra o cambio climático. O Parlamento aprobou unha resolución ambiciosa que, entre outros elementos, reclama incrementar os compromisos europeos de redución de emisións de CO2 a un 55% para 2030 e marca como obxectivo a neutralidade climática en 2050. Para ilo, a nosa delegación fará fincapé no beneficio do fomento da eficiencia enerxética e as enerxías renovables e a necesidade de estratexias para abolir os subsidios aos combustible fósiles. Igualmente, temos que convencer aos países desenvoltos para que aumente a aportación ao Fondo de Adaptación. A pobreza fai máis vulnerable ás poboación afectadas polo cambio climático. Ademais, defenderemos unhas estratexia para a xestión e conservación dos bosques do planeta, evitando a deforestación e protexendo a biodiversidade.

Pero nada disto será posible se non se fai dentro dun marco de Transición Xusta, que teña en conta especialmente ás rexións, sectores e, sobre todo, persoas máis afectadas pola profundidade da transformación necesaria. A xustiza social debe alentar no corazón do European Green Deal, que debe servir como motor de avance da nosa sociedade, xerando novos empregos, máis verde e mellores e transformando os pilares do noso modelo de desenvolvemento económico cara unha sociedade descarbonizada, climáticamente neutra, máis segura, competitiva e xusta.

Temos a tecnoloxía e os recursos, fagamos realidade o compromiso. Non hai un segundo que perder.

Artículos relacionados