Os socialistas solicitamos por carta á comisaria de Saúde que estandarice a detección de COVID-19 para dispoñer de datos comparables na UE

April 3, 2020

Esta semana lancei a inicitiva, como membro da Comisión de Medio Ambiente e Saúde do Parlamento Europeo, de enviar unha carta á comisaria de Saúde. Nela solicitamos que protocolice e estandarice as probas de detección do COVID-19 para conseguir que a recollida de datos sexa igual en todos os Estados Membros da UE, ou polo menos “establecer métodos que permitan dispoñer de medidas comparables”.

Na devandita carta dirixida á comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, e secundada polas miñas compañeiras e compañeiros da Delegación Socialista Española, arguméntase que cada Estado membro ten os seus propios criterios na recollida de datos, tanto do número de falecementos como no de positivos, “principalmente pola falta de suficientes probas de detección e os distintos criterios que se establecen para levalos a cabo”. Así, di a carta, “mentres nalgúns países están facendo probas de forma masiva, outros só as fan aos casos máis graves e ao persoal sanitario que estivese en contacto con pacientes enfermos”. Para os socialistas, estas diferencias fan que os datos non sexan comparables, o que supón un obstáculo “para a investigación científica” e “para entender o alcance da actual crise e prepararnos para outras que puidesen vir no futuro”.

O texto tamén advirte do aspecto “xeopolítico dos datos sobre a pandemia, con información confusa e escasamente crible, como a publicada por gobernos cunha tradición opaca no manexo da información”.

Por iso, consideramos esencial que a Comisión Europea estableza protocolos e estandarice as probas, ou polo menos poña en marcha enquisas que permitan facer un cálculo real da poboación que sufriu a enfermidade. Ademais, pedimos que se deseñe un plan de mostras serolóxicas a medio prazo en toda a UE, que nos daría un panorama máis preciso sobre o desenvolvemento da enfermidade.

Podes consultar a carta completa AQUÍ.

Artículos relacionados