O eurodeputado socialista Nicolás G. Casares, elixido para formar parte a Comisión Especial do Cancro do Parlamento Europeo

July 10, 2020

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares foi elixido este xoves membro titular da recentemente constituída Comisión Especial do Cancro do Parlamento Europeo. Trátase dunha nova ferramenta da eurocámara centrada en avanzar na investigación, o diagnóstico precoz, a prevención e o tratamento do cancro a nivel europeo.

“Será para min unha honra poder contribuír ao avance da loita contra unha enfermidade que supón unha das principais causas de morte na Unión Europea”, asegurou Casares, enfermeiro de profesión. “Esta nova Comisión Especial pretenda dar un impulso a esta loita”.

Casares centrará o seus esforzos e o seu traballo en conseguir introducir na axenda “novos enfoques para o diagnóstico precoz, a posta en marcha de estratexias innovadoras de prevención e a calidade dos coidados en pacientes”, defendeu esta mañá tras coñecer a súa designación.

A Comisión Especial para a loita contra o Cancro é un órgano creado polo Parlamento Europeo sobre a base de que a cooperación europea en prevención, diagnóstico, tratamento e investigación é beneficiosa para o conxunto dos Estados membros da UE. A súa constitución foi aprobada no Pleno do pasado mes de xuño, e o seu mandato estenderase durante 12 meses.

Na axenda parlamentaria desde que a Comisión Europeo lanzou a súa proposta dun Plan Europeo contra o Cancro, a súa creación veuse postergada debido á crise sanitaria provocada polo coronavirus. Agora o Parlamento Europeo pon en marcha esta nova Comisión, integrada por 33 membros, que deberá emitir un informe unha vez finalice o período de 12 meses que se lle outorgou para traballar na materia.

Artículos relacionados