Casares pregunta á Comisión Europea se investigará o incumprimento da lexislación ambiental na mina de San Finx

September 7, 2023

Os vertidos da escavación exceden os límites permitidos de cadmio, cobre e zinc

A mina recibiu case sete millóns de euros a través do proxecto NEXT de Horizonte 2020

Ante a preocupante situación ambiental na mina de San Finx de Lousame, ao exceder os límites permitidos de cadmio, cobre e zinc nos seus vertidos, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares preguntou á Comisión Europea se vai reconsiderar a súa negativa inicial a investigar o incumprimento da lexislación ambiental nesta escavación. Cabe recordar que a mina recibiu case sete millóns de euros a través do proxecto NEXT de Horizonte 2020, o Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea para o período 2014-2020.

Aínda que no mes de febreiro, a Xunta de Galicia autorizaba o vertido de case 900.000 metros cúbicos de augas residuais, necesario para poder reabrir a mina, a pesar da ameaza que representaba para a Ría de Muros e Noia, incluídos diversos espazos protexidos pola Rede Natura e un dos bancos de berberechos máis importantes do mundo. Fai uns días, o Goberno galego viuse obrigado a expedientar á empresa mineira ao infrinxir os parámetros do vertido.

González Casares dirixiuse de novo á Comisión, á que xa lle esixira transparencia respecto á mina de San Finx, para saber se está ao tanto deste expediente e, se é así, contactou, ou pensa facelo, coa Xunta de Galicia para obter información sobre o ocorrido. Á luz dos recentes vertidos detectados, o socialista tamén preguntou pola reconsideración para investigar as infraccións á lexislación ambiental na mina.

Artículos relacionados