Moraima contra o algoritmo

Luzes97

November 23, 2021

Hai menos dun mes compartía un café en Bruxelas con Jane Horvath, responsable de privacidade de Apple. No sol morno da fin do verán belga, a executiva californiana debullaba as razóns polas que o xigante tecnolóxico temía o contido da proposta de Lei dos Mercados Dixitais (Digital Markets Act), que se está a tramitar nestes momentos na Eurocámara.

Explicábame que desde a empresa da mazá viñan de darlle un maior control aos propietarios sobre o uso de datos relevantes dos seus dispositivos por parte doutras aplicacións. Certamente Apple, para desgusto de compañías coma Facebook ou Amazon, ía dificultar que estas obtiveran tanto Big Data como queren para bombardearnos con eses anuncios que semellan lernos a mente, pois ata nos escoitan sen nós decatármonos. A representante da empresa de Cupertino afirmaba que a súa compañía centrábase en vender dispositivos e non en facer negocio cos datos dos seus clientes, tratando de xustificar estándares éticos máis elevados que os dos seus competidores. Semellaba que para Apple todos os que mercan os seus aparellos eran relevantes. Pero a verdadeira preocupación da tecnolóxica radicaba en que para poder ofertar esa protección aos seus clientes precisaban que as apps que se descargan nos seus dispositivos foran obtidas a través da súa tenda de aplicacións. Precisamente ese é un dos obxectivos propostos na Lei dos Mercados Dixitais, a eliminación dos monopolios das portas de entrada en Internet, unha forma moderna da «Lei do funil».

Minutos antes atopárame co reporteiro Guillermo Abril, un dos correspondentes do diario El País en Bruxelas que viña de publicar un interesante libro recollendo vivencias do seu traballo periodístico e no que vai tecendo fíos dun lado a outro do mundo, seguindo pistas das causas da desigualdade en lugares sometidos a guerras, migracións, represións ou esquecemento. Situacións acentuadas polo control tecnolóxico dos algoritmos, que van deixando fóra do foco de atención a millóns de persoas. O título do libro fala por si mesmo: Os irrelevantes.

Poucos días despois, xa en Lalín, acabada a súa lectura, ao acender o meu móbil chamou a miña atención un vídeo colgado en Twitter por Touriñán (@xatouri) no que unha meniña simpática e retranqueira establece un diálogo coa súa tablet. Na secuencia, de pouco máis dun minuto, Moraima, que así se chama a cativa, fálalle en galego a Siri, o sistema de Intelixencia Artificial de Apple. Siri non a entende e ela insiste, mesmo troleando a voz do dispositivo pedíndolle que lle axude a recoller «as cousas da habitación». Téntao de novo, pero Siri, sen ignorala totalmente, segue contestando en castelán, pois non a entende. O inhumano algoritmo de fabricación humana non quere a adorable Moraima porque os datos que emite chéganlle nun código descoñecido. A pequena resístese á irrelevancia ante os ollos de milleiros de internautas.

Non sei que pasaría pola cabeza de Moraima, pero si pola miña e supoño que a de moitos: ademais de anoxarnos non queda outra que defender a nosa lingua e ser reactivos ante estas discriminacións porque nin fomos, nin somos, nin queremos ser irrelevantes. Non queremos versións actualizadas do «non nos entenden, non». Queremos que Siri e as súas parentes, como Alexa, nos entendan, aínda que desconfiemos delas.

Ao longo dese día souben de quen viña sendo Moraima, de seguro que na súa casa non van permitir esa irrelevancia. Pensei tamén que o futuro de Galicia e do galego depende de rapazas coma ela. Por último, lembrei como Celso Emilio buscaba a Moraima na procura de esperanza.

…Cando quero soñar

digo Moraima.

Digo Moraima

cando a noite é pechada.

Digo Moraima

e ponse a luz en marcha…

Artículos relacionados