Nicolás González Casares defende o acordo pesqueiro con Guinea-Bissau como “beneficioso” para a flota galega

Decembro 7, 2019

O eurodeputado foi elixido poñente socialista para o acordo pesqueiro co país africano

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, considerou o acordo pesqueiro con Guinea-Bissau unha nova “longamente esperada” e “beneficiosa” tanto para a flota galega e española como para o desenvolvemento do país africano. O eurodeputado foi elixido poñente parlamentario do Grupo dos Socialistas e Demócratas neste acordo.

Durante a súa intervención na Comisión de Pesca, o parlamentario socialista destacou que o acordo de colaboración no sector pesqueiro entre a Unión Europea e a República de Guinea-Bissau “é clave para a flota galega”. O acordo, que permitirá a 16 buques galegos -fundamentalmente de Bueu, Vigo e Marín- e 54 españois volver faenar en augas guineanas, suporá un desembolso de 15,6 millóns de euros anuais durante 5 anos. Deles, 11,6 estarán destinados a sufragar o acceso aos recursos pesqueiros, e 4 millóns a apoiar a política do sector pesqueiro de Guinea-Bissau.

O acordo con Guinea-Bissau constitúe, igualmente, un dos acordos pesqueiros con terceiros países máis importantes da UE, dado que se trata dun dos tres únicos que permite o acceso a pesquerías mixtas.

Para González Casares, “estamos ante un acordo esperado e necesario para a flota comunitaria, pero tamén para o desenvolvemento de Guinea-Bissau”.

O eurodeputado emprazou á Comisión Europea a continuar os esforzos para concluír a renovación dos acordos pendentes, especialmente o acordo con Mauritania.

Artículos relacionados