Estes peches e desprazamentos poderían poñer en perigo a transición ecolóxica e as expectativas industriais para a UE
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares remitiu o luns 21 de febreiro unha pregunta á Comisión Europea coa finalidade de coñecer cales son as causas que están a provocar os peches continuados e a perda de postos de traballo no sector dos aeroxeradores na Unión Europea.
A modo de exemplo, o parlamentario aludiu ao anuncio de cesamento de actividade por parte da planta de Vall d’ Uixó que atopa, á súa vez, os seus antecedentes nas decisións tomadas por Vestas na planta de Viveiro ou por Siemens Gamesa nas Somozas e Cuenca.
“Estamos a asistir a peches continuados de fábricas de compoñentes de xeradores eólicos e a un desprazamento da produción a terceiros países, a pesar das expectativas de crecemento da capacidade de enerxía eólica que necesita a Unión. Por outra banda, tal e como indica a Comisión ( SWD(2021) 307 final), este sector tamén está a experimentar desafíos económicos, loxísticos e de material”, explica González.
Ante esta situación, o eurodeputado preguntoulle tamén á Comisión Europea se considera que o declive nos postos de traballo e os problemas económicos no sector eólico europeo poden poñer en perigo a transición ecolóxica e as expectativas industriais para a UE. Así como pola súa valoración do estancamento da balanza comercial en equipos relacionados coa enerxía eólica na UE.