O Pazo de Bendoiro acolle o evento o vindeiro venres, 11 de marzo, ás 19:00 horas
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares organiza este venres, 11 de marzo, unha xornada en Lalín para dar a coñecer o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ao tecido empresarial da zona e á veciñanza en xeral.
O parlamentario debullará os obxectivos desta estratexia deseñada para canalizar os fondos destinados por Europa a reparar os danos provocados pola crise da COVID-19 e, a través de reformas e investimentos, construír un futuro máis sostible.
Empresas, autónomos e particulares contarán con información de primeira man sobre o carácter dos fondos Next Generation e as oportunidades que representan, por exemplo, para a transición ecolóxica e dixital ou para o agro a través dos PERTE, que veñen a ser grandes proxectos estratéxicos que esixen a colaboración entre administracións, empresas e centros de investigación.
A xornada, con entrada aberta, celebrarase ás 19:00 horas no Pazo de Bendoiro.