Casares únese ao PSdeG da Mariña para esixirlle á Xunta que cumpra o mandato parlamentario respecto á fábrica de Altri

Abril 30, 2022

O eurodeputado Nicolás González Casares mantivo unha reunión de traballo cos alcaldes e voceiros do PSdeG da zona pola problemática da fábrica

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares desprazouse ata Foz para manter unha reunión de traballo cos rexedores e responsables do PSdeG da Mariña trala renuncia da Xunta de Galicia a instalar a fábrica de Altri na comarca.

Na xuntanza participaron os alcaldes de Foz, Francisco Cajoto; Viveiro, María Loureiro; Alfoz, Jorge Val; Valadouro, Edmundo Maseda, e de Oriol, José Luis Pajón. Ademais de diversos representantes do partido na comarca, asistiu o senador César Mogo.

Cajoto insistiu en que non cesarán no seu empeño de reclamarlle á Xunta de Galicia que rectifique a súa decisión de deixar á Mariña sen a fábrica de Altri, esixíndolle que “cumpra co seu mandato parlamentario”. “O que estamos vendo son escusas baratas que non explican por que non recibiron á Mancomunidade de Municipios da Mariña, por que a solución técnica non se consensuou con nós, porque non se quixo estudar unha situación real porque territorio, temos”, explicaba o alcalde.

Indignación que compartía o eurodeputado Nicolás González Casares ao ver como desde o Partido Popular se vendía un “dos proxectos tractores dos Next Generation para dar saída aos polos industriais desta comarca” e agora deciden cambiar o seu rumbo, denotando unha “falta de transparencia absoluta na xestión destes fondos”.

“O que merece a cidadanía da Mariña é que se cumpran as expectativas de investimento e que se teñen que levar a fábrica para outro lado, que dubido que non se dean aquí as condicións necesarias, digan que alternativas industriais teñen para esta comarca. O PP non pode calar máis”, incidía González Casares.

O rexedor de Foz insistiu en que continuarán a traballar por unha resposta da Xunta que satisfaga a indignación dunha comarca que ve como “ante unha grave crise industrial non se nos permite ter un proxecto de futuro”.

Artículos relacionados