Escolares do Deza achéganse de primeira man á Unión Europea co eurodeputado Nicolás González Casares

Maio 20, 2022

O europarlamentario socialista impartiu este venres a conferencia ‘Paz e democracia’ na aula UNED Lalín ante o alumnado de institutos de Lalín, Vila de Cruces e Silleda

“Eu levo en Europa toda a miña vida porque nacín en Lalín e Lalín é Europa, non deixemos a Europa para outros, Europa é nosa”. Así se dirixía esta mañá Nicolás González Casares, eurodeputado socialista e membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, ao alumnado dos institutos Laxeiro, de Lalín, Marco do Camballón, de Vila de Cruces, e Pintor Colmeiro, de Silleda. Durante a conferencia Paz e democracia, o europarlamentario explicou o funcionamento das cámaras europeas e destacou a independencia de voto dos eurodeputados que lles permite defender as particularidades de cada un dos territorios aos que representan.

Coa celebración do Día de Europa presente, no que se conmemora cada 9 de maio a firma da ‘Declaración de Schuman’ que puxo as bases dunha nova forma de cooperación política en Europa, o europarlamentario defendeu a democracia, a liberdade e a paz como “o leitmotiv da Unión Europea”. Ante a guerra de Ucraína, Casares incitou á rapazada a tomar conciencia destas tensións e velar polo dereito a poder discrepar en liberdade. “No leste, as nosas fronteiras están Romanía e Bulgaria, nos lindes da Unión Europea”, apuntou.

O eurodeputado puxo en valor o apoio que recibiu Galicia e España para facer fronte á pandemia da COVID-19 a través da recepción de máscaras ou respiradores, así como mediante os fondos Next Generation que impulsarán a tan necesaria transición enerxética e dixital.

O alumnado dezao puido abrir debate sobre cuestións de actualidade como a crise climática. Pola súa banda, Nicolás González quixo aproveitar tamén a ocasión para animar aos mozos e mozas a valorar as institucións europeas como saída laboral e convidar aos centros a sumarse ás seis escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo.

A aula UNED Lalín acolleu este coloquio no marco das actividades deseñadas polo 50º da UNED. Begoña Blanco Blanco, concelleira de Cultura, Turismo, Educación e Igualdade no Concello de Lalín; Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra; e José Antonio Rodríguez Fernández, coordinador da Aula Universitaria da UNED en Lalín, foron os responsables de abrir a xornada. Ademais do alumnado e o profesorado dos centros de ensino dezaos, asistiron á conferencia integrantes do PSdeG da comarca.

Artículos relacionados