Nicolás González no ciclo ‘Europa invierte en mi región’: “Os Next Generation parécense a Galicia porque estamos envoltos na transición ecolóxica”

O eurodeputado aludiu a Vigo como referente de modernidade e destacou o seu papel na transformación no campo enerxético, a pesca e o coche eléctrico

O ciclo ‘Europa invierte en mi región’, impulsado polo Parlamento Europeo, arrincou este venres na cidade de Vigo. O obxectivo deste seminario é debater sobre as posibilidades de financiamento europeo e intercambiar impresións con autoridades locais e rexionais, a cidadanía e os empresarios locais. Articulada nunha mesa redonda e un taller práctico, a xornada tentou dar resposta aos instrumentos de financiamento dispoñibles desde Europa e como acceder a eles.

Trala inauguración da man de Juergen Foecking, director adxunto da Oficina do Parlamento Europeo en España; Miguel Corgos López-Prado, conselleiro de Facenda e Administracións Públicas da Xunta de Galicia; Elena Espinosa, terceira tenente de alcalde do Concello de Vigo; e Francisco Javier Touza, vicepresidente segundo da Cámara de Comercio de Vigo, abordáronse os ‘Next Generation EU: posibilidades y desafíos’. Neste diálogo, moderado por Julia Borque, relacións institucionais da Oficina do Parlamento Europeo en España, participou o eurodeputado socialista Nicolás González Casares, o eurodeputado popular Francisco Millán Mon, e Anxo Tarrio Tobar, director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Consellería de Facenda e Administracións Públicas da Xunta de Galicia.

Nicolás González, relator da Comisión de Transporte e Enerxía no Parlamento Europeo e relator do Grupo dos Socialistas e Demócratas na Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables, puxo en valor o bos executores de fondos europeos que son España e Galicia. “España é o país que mellor está a cumprir cos obxectivos que se lle están poñendo, iso é un feito”, incidiu. O eurodeputado referiuse á oportunidade que representan as ferramentas europeas, como son os fondos Next Generation, para “fortalecer a autonomía estratéxica no campo da enerxía”. Neste sentido destacou que “os Next Generation parécense a Galicia porque estamos envoltos na transición ecolóxica e enerxética” e convocou ao tecido empresarial e administrativo a “sacar adiante a industria da xeración de enerxía no curto, medio e longo prazo”. Doutra banda, ante os posibles riscos, chamou a facer un bo deseño da “Galicia do futuro” no ámbito da bioenerxía e a xestión forestal.

O eurodeputado aludiu a Vigo como referente de modernidade e destacou o seu papel na transformación no campo enerxético, o coche eléctrico ou a pesca, na que Galicia pode presumir de levar a cabo “a pesca máis sostible do mundo”. Para o europarlamentario, a descarbonización e as renovables son unha fonte de “oportunidades para as nosas empresas” e o rural; permitindo “avanzar en circularidade” no campo mediante a utilización do bagazo como fuel ou os xurros como biogás.

“As administracións teñen que ser responsables e dar a coñecer os investimentos que se fan cos fondos de recuperación e non escondelos como fai a Xunta de Galicia coa súa publicidade”, apuntou respecto á difusión dos devanditos fondos.

A transición dixital tamén estivo presente no relatorio de Casares que animou ás grandes e ás pequenas empresas a sumarse a esta aposta. En particular, respecto a estas últimas mencionou o Kit Dixital e a súa contribución á creación de “un ecosistema de creatividade dixital de proximidade”.

Ao final da mesa, os asistentes, entre os que se atopaban diversas personalidades do ámbito empresarial, administrativo e político, puideron intercambiar opinións e resolver dúbidas cos opoñentes sobre a aplicación dos Next Generation na nosa comunidade. Un debate no que a aposta pola “oportunidade” que representan estes fondos e “a axilidade de execución” se fixeron patentes.

Artículos relacionados