O eurodeputado pregunta á Comisión Europea polos reiterados incumprimentos da Xunta na protección dos espazos naturais
A insuficiencia de planificación, ordenación, xestión e conservación da Rede Natura en Galicia, entre as evidentes causas de incendio en espazos protexidos
O eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, interveu esta mañá cunha pregunta á Comisión Europea sobre a xestión da Rede Natura en Galicia. Na súa pregunta parlamentaria, Casares sacou a colación o recente incendio que arrasou O Courel, incluído no ZEC Ancares/Courel.
“A Comisión abriu un expediente pola mala xestión da Rede Natura en Galicia”, lembrou o eurodeputado na súa intervención. Tendo isto presente, “considera que o ZEC Ancares/Courel conta con instrumentos de ordenación e xestión adecuados á Directiva?. González Casares inquiriu sobre a adecuación dun expediente que leva sen resolución sete anos, cando a inacción na xestión evidénciase perante catástrofes como o recente incendio do Courel.
O eurodeputado tamén quixo saber que medidas tomará a Comisión Europea para que se faga un cumprimento efectivo da Lei e “se protexan adecuadamente zonas de tanto valor ecolóxico”.
Non é a primeira vez que Casares traslada á Comisión cuestións directamente relacionadas cos problemas de xestión e o estado do expediente de infracción iniciado en 2015 pola mala xestión da Rede Natura dada a insuficiente fixación de medidas de conservación necesarias para estes lugares dentro do seu territorio. O eurodeputado socialista xa alertou do “deixamento da Xunta” en canto á protección das xoias naturais de Galicia. Aínda que a Rede Natura galega conta cun Plan director aprobado, adoece de plans de xestión específicos para cada parque, sendo as medidas do plan vagas e indeterminadas. Foi a falta de plans de xestión específicos, o motivo polo que se abriu o correspondente procedemento de infracción. A propia Comisión recoñeceu que, “as medidas de conservación recollidas no Plan son demasiadas vagas e indeterminadas e non ofrecen suficiente claridade na súa aplicación” polo que o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia non pode considerarse “unha ferramenta suficiente na que se determinen todas as medidas de conservación necesarias” para os 55 lugares de especial protección e as 16 zonas de especial protección para aves que existen.” Ademais, resaltouse a falta de cumprimento da “Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e a falta de instrumentos de xestión” en ZEC da Rede Natura de Galicia.
Galicia apenas ten cuberto como Rede Natura un 12% do seu territorio fronte ao 27% de España. É, ademais, a comunidade autónoma española con menor superficie protexida tras Melilla, e a que menos aumentou Rede Natura desde 2004. Pero se ademais observamos os datos de protección de superficie forestal, Galicia é a comunidade con menos superficie forestal protexida .Só está cuberta nun 15%, 26 puntos por baixo da media española. Isto dá unha idea da desprotección do monte non só en espazos de alto nivel ecolóxico, se non tamén naquelas zonas que lindan con Rede Natura.
Por tanto o que estamos a observar é un alto grao de deixamento por parte dos gobernos do Partido Popular na planificación e xestión das áreas protexidas de Galicia, impedindo o seu avance e mellora. O resultado directo desta inacción podemos velo no incendio do Courel.