O eurodeputado móstrase crítico co veto á pesca de fondo e sinala a responsabilidade do eurodeputado do PP coordinador de Pesca no peche destas zonas
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, lamenta a decisión adoptada pola Comisión Europea de seguir adiante co peche de 87 zonas para a pesca de fondo. Casares considera que esta decisión non responde á realidade das zonas afectadas nin da actividade pesqueira desenvolvida nelas.
Tal e como veu defendendo desde que se deu a coñecer a proposta da Comisión, o socialista considera que non se pode aplicar un único criterio a zonas completamente distintas nas súas características. Casares sostén que se deben de ter en conta as medidas e peches xa existentes en determinadas áreas e os efectos cruzados e multiplicadores dos mesmos. Ademais, hai que valorar a intensidade da actividade pesqueira en cada área específica e diferenciala por artes de pesca. “O sector pesqueiro debe ser consultado, é o que mellor coñece o mar e o máis interesado en mellorar o seu estado ecolóxico para garantir o presente e futuro da pesca”, insiste o eurodeputado.
Así llo trasladou ao comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, na reunión mantida esta semana en Estrasburgo, na que a Comisión Europea se abriu a facer unha avaliación da medida unha vez adoptada, dentro dun ano, e en base aos novos informes científicos que se redacten. Polo que a adopción do regulamento non ten volta atrás.
Casares lembra ao eurodeputado do PP coordinador de Pesca, quen mostraba estes días a súa oposición á decisión adoptada, a súa “responsabilidade directa no peche destas zonas de pesca” ao exercer de relator do seu grupo para o Regulamento de Acceso a Augas Profundas, estar presente na mesa de negoción e validar o acordo alcanzado co Consello. O 10 de novembro de 2016 por 22 votos a favor e 1 en contra dábaselle luz verde ao acordo na Comisión de Pesca.
“Considero que a Comisión se extralimita coa súa proposta, non houbo un proceso idóneo de consulta que permitise aclarar a realidade desas zonas. Espero que os novos informes científicos poidan permitir a actividade pesqueira de novo nesas áreas, pois así o recolle o Regulamento de Acceso Augas Profundas. Con todo, non dou crédito á desvergoña do eurodeputado popular neste asunto cando el mesmo estaba na mesa de negociación que abriu a porta a esta decisión”, indicou González Casares.