Casares aposta por unha transición enerxética flexible que garanta a seguridade de subministración nas Pontes

Setembro 20, 2022

Unha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo visita Galicia e Asturias para coñecer os plans de descarbonización da industria

A delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, presidida polo eurodeputado socialista alemán Jens Geier, continuou este martes o seu percorrido polas compañías enerxéticas galegas.

Os europarlamentarios desprazáronse ata As Pontes para coñecer o traballo que está a realizar ENDESA-ENEL respecto a a European Fit for 55 para a neutralidade de carbono, os seus obxectivos de emisións e o plan de futuro que se presenta.

Co recente anuncio de que a metade da planta de carbón permanecerá pechada, como se solicitou, o eurodeputado Nicolás González Casares, relator socialista na Revisión da Directiva de Enerxías Renovables e na Comisión de Transporte e Enerxía, insistiu na vontade de que se vaian pechando, progresivamente, as plantas de carbón a condición de que se garanta “a seguridade de subministración” tan necesaria nestes momentos para Europa. “A transición enerxética debe ser flexible en canto ás continxencias que vaian sucedendo”, explicou.

Os proxectos de transición xusta nos que traballa ENDESA- ENEL representan un valor de dous mil seiscentos millóns de euros para este municipio. Iniciativas de hidróxeno verde ou para alimentar a planta de pneumáticos que se instalará nas Pontes con enerxía renovable son algúns dos puntos chave que debuxan o futuro da central. “Demostran que a transición xusta é posible e estaremos vixiantes desde o Parlamento Europeo para que estes fondos recaian realmente nas comarcas afectadas”, engadiu o europarlamentario.

Na misión participan os eurodeputados Marion Walsmann (PPE, Alemaña), Henna Virkkunen (PPE, Finlandia), Niels Fuglsang (S&D, Dinamarca), Izaskun Bilbao (RE, España), Susana Solís (RE, España), Pilar del Castillo (PPE, España) e Francisco José Millán Mon (PPE, España). Ademais das Pontes, este martes os europarlamentarios achegáronse ata Alcoa. A viaxe continuará este mércores por Asturias para visitar a planta de ArcelorMittal.

Artículos relacionados