Casares avoga por acelerar os permisos de renovables coa participación cidadá para “alcanzar os obxectivos climáticos e baixar a factura da enerxía”

Decembro 14, 2022

O Pleno do Parlamento Europeo debate sobre a modificación da Directiva de enerxías renovables, que será sometida a votación este mércores

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares, relator do seu partido na nova Directiva de enerxías renovables, defende a aceleración dos permisos administrativos para impulsar o despregamento de renovables e “alcanzar os obxectivos climáticos, conter as facturas dos cidadáns e cidadás e independizarnos dos combustibles fósiles rusos”.

Este martes, o Pleno do Parlamento Europeo acolleu o debate sobre a revisión das Directiva enerxías renovables (REDII polas súas siglas en inglés), coñecida como RED IV, que forma parte do Plan REPowerEU sobre a aceleración e simplificación dos procesos administrativos para a concesión de permisos a proxectos de enerxías renovables. Durante a súa intervención, González Casares aludiu á participación social como un dos eixos fundamentais desta nova normativa e, por iso, solicitou o apoio á emenda número 6 que mellora a participación cidadá. “Estas instalacións deben ter beneficios para as comunidades locais, deben terse en conta as actividades preexistentes, pero tamén o potencial laboral e industrial local”, apuntou. Ao mesmo tempo, incitou a fuxir do “retardismo” e pediu “frear algunhas de emendas presentadas” nesa dirección.

Respecto ao impacto ambiental, o parlamentario chamou a ser rigorosos e coidadosos: “Non debemos confundir aceleración con levantar a protección dos territorios. Iso danaría a confianza cidadá, é un risco real se non temos en conta unha das emendas presentadas”.

“Máis renovables significa menos gas ruso, menos fósiles, máis compromiso climático, menores prezos para os cidadáns, en definitiva, todos gañamos se facemos unha boa directiva”, concluíu González Casares.

Que propón a nova Directiva de enerxías renovables?

A proposta RED IV recolle varios instrumentos para acelerar e simplificar a concesión de permisos administrativos como a planificación espacial, a identificación de zonas con baixo impacto ambiental, o impulso do autoconsumo, a repotenciación (aumento de capacidade ou eficiencia dunha instalación de enerxía renovable) e a escoita activa de todas as partes implicadas.

Dentro da batería de medidas expostas destaca o establecemento de prazos máximos para a concesión de permisos dependendo de se os proxectos se emprazan en “zonas de aceleración de renovables” ou a fixación de prazos máis curtos para proxectos de repotenciación ou de instalacións solares en estruturas artificiais. Desta forma, para os proxectos en “zonas de aceleración de renovables” establécese un prazo máximo de 9 meses (en comparación co ano proposto pola Comisión) e de 6 meses para proxectos de repotenciación ou de menos de 150kW. Nas iniciativas que estean fóra de “zonas de aceleración de renovables” os prazos fíxanse en 18 meses (a Comisión propoñía 2 anos) e en 1 ano para as de repotenciación ou de menos de 150kW. Para a instalación de equipos de enerxía solar en estruturas artificiais, incluídos edificios, o prazo é de 3 meses (como propón a Comisión), o mesmo que para a notificación de instalacións solares por baixo de 50 kW de capacidade.

Artículos relacionados