O eurodeputado participa no cume europeo que aborda os avances tecnolóxicos en materia de enerxía limpa e no coloquio organizado pola Universidade de Cambridge sobre transición climática
“USA vai dar grandes axudas, China xa o fai e Europa prepara a súa resposta que debe ser equilibrada para todos os estados membros”, asegurou este mércores o eurodeputado socialista e membro da Comisión de Enerxía e Industria, Nicolás González Casares, en relación á competición na que se converteu a carreira pola descarbonización neste contexto de desglobalización.
Casares participou hoxe en dous eventos. Por unha banda, o Cleantech for Europe (o Cume de Tecnoloxías Limpas para Europa), cuxo obxectivo foi analizar como a Unión Europea pode intensificar as súas ambicións e converterse en líder mundial en tecnoloxías limpas. E por outro, interveu no encontro ‘Lessons from a crise: How to achieve a climate neutral, energy secure and prosperous transition for Europe and the business sector?’ (‘Leccións dunha crise: Como lograr unha transición climaticamente neutra, enerxeticamente segura e próspera para Europa e o sector empresarial?’), organizado polo Grupo de Liderado Corporativo da Universidade de Cambridge no que se deron cita representantes políticos e empresariais.
Nun momento no que Europa ten que facer fronte a unha dobre crise climática e enerxética, as políticas constitúen un piar fundamental no que as empresas se poidan apoiar para impulsar solucións sostibles a estes desafíos. Neste sentido, o cume anual de Cleantech for Europe representa un punto de encontro para que tecnolóxicas limpas e líderes políticos traballen conxuntamente na abordaxe desta dobre crise desde a innovación con garantías e rapidez. “Os avances tecnolóxicos e o desenvolvemento das cadeas de subministración serán esenciais no noso sistema enerxético en descarbonización”, asegurou o eurodeputado.
No marco do Cleantech for Europe, Nicolás González Casares participou na mesa sobre ‘Almacenamento de enerxía de longa duración’ (‘Long duration energy storage’ no seu título en inglés) xunto a Beatrice Bohm, investidora de Munich Venture Partners, e Ben Potter, responsable de desenvolvemento corporativo e relación con investidores de Energy Dome. O socialista centrou a súa intervención nas novas posibilidades que ofrece a tecnoloxía do hidróxeno e a mobilidade eléctrica e sinalou a necesidade de contar con suficientes tecnoloxías de almacenamento ante o aumento das enerxías renovables. “Necesitamos financiamento para desenvolver estas tecnoloxías, máis alá do almacenamento de auga que hoxe supón o 90% das capacidades de almacenamento. Hai tecnoloxías como as baterías ou o CO2 comprimido que están a madurar e poden ser útiles para estabilizar o noso sistema enerxético”, apuntou. O eurodeputado tamén se referiu á próxima reforma do mercado eléctrico, que deberá ter en conta, ademais do investimento a longo prazo, as necesidades de almacenamento de longa duración porque, como indica, “farannos falta e o mercado debe consideralas”.
No evento organizado pola Universidade de Cambridge, Casares abordou os retos que representa a transición ecolóxica para Europa da man de Pascal Canfin, presidente da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, Yvon Slingenberg, directora de Estratexia, Análise e Planificación na Dirección Xeral de Acción polo Clima de Comisión Europea, e Ruth Reichstein, asesora de políticas, IDEA, da Comisión Europea. Nicolás González fixo palpable, novamente, a necesidade de contar con profesionais formados en enerxías renovables ante a falta de persoal cualificado en moitos países. E apuntou ás oportunidades de emprego que ofrecerá o almacenamento de longa de duración ás traballadoras e traballadores dos sectores fósiles que decrecerán.