Os socialistas galegos colaboran co festival EmigraSon en Bruxelas a través de González Casares

January 27, 2023

A iniciativa, que conta con bandas coma The Rapants, está destinada á comunidade emigrante en Bruxelas e busca visibilizar a cultura galega

A música galega soará con forza na capital da Unión Europea o vindeiro 25 de marzo coa primeira edición do EmigraSon. Organizado por un grupo de mozas e mozos emigrados en Bruxelas, o festival EmigraSon xorde co obxectivo de crear un novo espazo de intercambio cultural para a comunidade galega na capital belga. O cartel inclúe bandas do panorama actual coma The Rapants, o primeiro grupo anunciado polo festival.

O EmigraSon tamén porá en marcha varias actividades culturais en Bruxelas, alén dos grupos que tocarán o 25 de marzo. O programa contará cunha xornada de foliada en vísperas do gran día. Ademais, durante o 24 de marzo, prevense diversas actividades no centro do Instituto Cervantes.

No marco do EmigraSon, organizadores e bandas serán convidados polo Parlamento Europeo a participar nun encontro sobre emigración, mocidade e cultura. Detrás desta iniciativa atópanse os eurodiputados Nicolás Gonzlález Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG).

Para Nicolás González o festival é un xeito máis de “colaborar coa difusión da galeguidade tamén en Bruselas”. “Agradecer aos promotores, xente nova de Galicia que non se esquece dela a oportunidade de colaborar e a todos e todasas os artistas que van vir á capital europea. Imos estar a altura”, afirma o eurodiputado do PSOE.

Pola súa banda, a eurodeputa do BNG, Ana Miranda, resalta a importancia da cita co EmigraSon porque “axuda a visualizar que hai unha parte da poboación galega que vive en Bruxelas e que quere ter parte na vida cultural galega, e por outro lado o festival tamén contribúe a que se coñeza fóra de Galiza a nosa cultura, e neste caso, a música galega. Estamos convencidas de que será un éxito”.

Xunto co apoio dos eurodeputados, o festival conta coa axuda da asociación belga Couto Mixto, que reúne a boa parte do colectivo emigrante de Galicia e que leva anos comprometida coa difusión da realidade cultural da súa terra en Bruxelas.

Venda de entradas

As entradas para o festival sairán pronto á venda e serán anunciadas polas canles do EmigraSon (Instagram, Facebook e Twitter) e tamén da asociación Couto Mixto. O evento terá lugar na sala Embassy. Todos os beneficios recaudados durante o evento irán destinados a pagar aos artistas convidados xa que a organización do festival non ten ningún fin lucrativo.

A organización espera ter boa acollida entre a comunidade emigrada de primeira e segunda xeracións, pero tamén dentro da burbulla cultural e internacional que existe en Bruxelas. Por iso, o EmigraSon aspira a consolidarse e repetirse nos vindeiros anos.

Neste sentido, o festival busca encher o espazo que deixou o Festival Compostela, que organizaba o Centro Galego de Bruxelas La Tentation, cancelado polo peche do centro. Por iso, o EmigraSon procura retomar ese espazo de diálogo e ocio que lle dea visibilidade á identidade galega na capital belga.

The Rapants

A música de The Rapants navega entre o pop, o garage e o disco co obxectivo de facerte bailar sen prexuízos todos os sábados. Co directo como o seu forte, a banda orixinal de Muros (A Coruña, 2018) afianzouse na escena cultural galega o ano pasado. No 2022, The Rapants ofreceron un total de 22 concertos en salas e festivais por toda Galicia. O 25 de de marzo deste 2023 presentarán o seu novo disco ‘O Corasón Como Un After’ ate o público do festival EmigraSon.

O grupo ten unha formación singular, conta co dous vocais dun total de catro músicos, o que lles permite utilizar distintos rexistros nas súas cancións en galego e castelán. A súa música é pura enerxía, con melodías e letras que evocan o amor, as frustracións xuvenís e sobre todo a festa porque en esencia, a música de The Rapants sempre será unha auténtica festa.

Nas próximas datas anunciaranse os demáis grupos que tocarán no festival. O cartel completo coñecerase o 9 de febreiro.

Artículos relacionados