Nicolás González destaca, dende Poio, a imparable chegada de fondos europeos á comarca de Pontevedra gracias á xestión dos gobernos socialistas

March 9, 2023

“Europa está preto de tódolos concellos porque hai un Goberno do Estado que aposta polo municipalismo e unha Deputación que está a facer un esforzo enorme por captar recursos”

Os candidatos socialistas en Marín, Manuel Pazos; Campo Lameiro, Adrián Vidal; Cerdedo-Cotobade, Ana Couto e Vilaboa, César Poza, participan no acto

Os fondos europeos están a chegar á comarca de Pontevedra cos distintos programas que puxo en marcha o Goberno de España e que se están a traducir en proxectos innovadores que servirán para avanzar na calidade urbana, no turismo sostible e na mellora da calidade de vida da veciñanza, contribuíndo tamén ao asentamento da poboación nas zonas máis rurais. Así o puxo de manifesto o eurodeputado Nicolás González Casares nun encontro celebrado en Poio e no que participaron os candidatos socialistas ás alcaldías de Marín, Manuel Pazos; Campo Lameiro, Adrián Vidal; Cerdedo-Cotobade, Ana Couto e Vilaboa, César Poza.

González Casares destacou que os 140.000 millóns de euros que a Unión Europea puxo a disposición de España son froito do esforzo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a pesar do intento de boicot do Partido Popular. Ademais, engadiu, España é o país máis avanzado na execución e está a servir de modelo para outros países, a pesar, unha vez máis, dos intentos da dereita por frear a chegada deste torrente de recursos.

O eurodeputado lamentou que o impacto non sexa maior por causa da negativa da Xunta de Galicia a distribuír os fondos europeos que xestiona directamente a través dos concellos. Non obstante, engadiu, a Deputación está a compensar esa eiva, pois está logrando captar fondos europeos de maneira constante. Un último exemplo é o esforzo que está a facer o organismo provincial a través do programa DepoInnova que, concorre ao PERTE do ciclo da auga e vai permitir realizar obras de mellora das redes en case tódolos pequenos e medianos concellos da provincia. O papel da Deputación está a ser determinante, engadiu Casares, pois xa conseguiu captar nos últimos 7 anos e medio case 4,2 millóns de euros en proxectos europeos que serviron para renovar a tecnoloxía led boa parte da iluminación pública dos concellos da contorna de Pontevedra e mellorar a eficiencia enerxética de sistemas de calefacción, ademais de adaptar o punto limpo da Lama á recollida de residuos eléctricos e electrónicos. Ademais, os fondos europeos financiaron as obras nas estradas provinciais de Campelo (Poio) e Parada (Ponte Caldelas).

González Casares falou da última convocatoria do plan de rehabilitación de edificios públicos (PIREP) que achegou 1,7 millóns de euros para a próxima rehabilitación do colexio Daría González, no Príncipe Felipe; 922.817 euros para reformar o antigo Conservatorio de Pontevedra e outros 776.099 euros para acondicionar o edificio municipal de Churruchaos, tamén en Pontevedra. Ademais, a comarca recibe outros 677.550 euros para o acondicionamento do colexio do Sequelo, en Marín.

Os fondos europeos achegaron tamén catro millóns de euros para desenvolver os Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) en Pontevedra e Marín, con dous millóns de euros en cada concello. En breve, deberán comezar a licitar as actuacións previstas para avanzar nun turismo verde, intelixente e dixitalizado. A cidade de Pontevedra tamén disporá doutro millón de euros para a posta en valor e acondicionamento das marxes do río Lérez, que xestionará a concellería de Medio Natural.

O eurodeputado recalcou o impacto transformador dos fondos europeos nos pequenos concellos a través do programa DUS5000, encaixado na Estratexia de España polo Reto Demográfico. Barro (223.000 euros), Cuntis (490.000 euros) e Moraña (814.056 euros) son algúns dos concellos que xa se beneficiaron dunhas axudas que aínda están en fase de aprobación e que achegarán máis investimentos a municipios de menos de 5.000 habitantes.

A transformación dixital da economía da man do Goberno de España está a ter un impacto enorme na contorna de Pontevedra, destacou González Casares. Así, o plan ÚNICO de Banda Ancha posibilitará que o 100% das vivendas estean conectadas por fibra óptica ou por satélite 5G antes de 2025. O Goberno de España fará posible que as zonas onde non sexa posible o tendido de fibra teñan acceso de banda ancha a un prezo fixo de 35 euros ao mes gracias ao macrocontrato asinado con Hispasat.

Ademais incidiu no impacto do programa Kit Digital, o maior despregue de colaboración público-privada da historia, e que ten como obxectivo a transformación dixital das empresas, asignándolles axudas que van dos 2.000 euros aos 12.000 euros e do que se están a beneficiar ducias de empresas da comarca.

Artículos relacionados