O expresidente da Xunta de Galicia pon en valor o modelo federal da Unión Europea
‘El horizonte europeo’, este é o título do novo libro de Emilio Pérez Touriño no que reflexiona sobre tres “momentos” decisivos dos últimos oitenta anos de historia mundial, que implicaron un profundo cambio de paradigma. O expresidente da Xunta de Galicia e exprofesor da Universidade de Santiago de Compostela presentou a obra en Bruxelas acompañado polo eurodeputado socialista Nicolás González Casares.
Ante un concorrido auditorio, Touriño puxo en valor o federalismo europeo. O libro, ademais de facer esa necesaria revisión histórica, presenta unha proposta de futuro para a Unión Europea: reforzar o modelo federal con máis alianzas. A pandemia da Covid-19 e a guerra de Ucraína estannos a demostrar como as solucións europeas deben prevalecer sobre as nacionais para poder afrontar crises de tal envergadura. O expresidente chamou a recolocar a democracia como a líder desde a que responder a cuestións de grande importancia para a nosa sociedade, como é a desigualdade. Para iso, traza un itinerario para que a UE aposte pola cohesión social a través das súas políticas, o que causaría un reforzo da sociedade democrática e do europeísmo.
González Casares lembrou a traxectoria de Touriño como un presidente da Xunta preocupado por Galicia e tamén como un intelectual interesado pola contorna europea, demostrando sempre ese afán de federalismo. O socialista agradeceulle a súa viaxe a Bruxelas para presentar este libro, que os especialistas en coñecemento europeo valoran moi positivamente porque ademais de recompilar un volume importante de datos, fai unha análise da realidade europea que provén, máis alá dun ano ou dous de estudo, dunha traxectoria europeísta que debe ser recoñecida.