O relator socialista para a reforma do mercado eléctrico da UE insiste na necesidade de investir e mellorar en almacenamento para “sacarlle todo o partido ás renovables”
“Imos traballar e a propoñer medidas para tratar de impulsar a flexibilidade de demanda e de almacenamento”, sinalou o eurodeputado Nicolás González Casares durante a súa intervención no Pleno do Parlamento Europeo. O relator socialista para a reforma do mercado eléctrico da UE fixa así os seus dous obxectivos a lograr antes de que acabe a lexislatura, continuar coa súa aposta polas renovables e facer realidade o Pacto Verde Europeo.
Casares ve nesta reforma “a oportunidade” para mellorar o almacenamento enerxético, “crucial para avanzar cara a un sistema descarbonizado” e chama aos estados membro a comprometerse con esta meta. O investimento e a optimización en almacenamento permitirá xestionar mellor os picos dos prezos da electricidade e axudará ás persoas consumidoras a administrar as súas necesidades enerxéticas. “Temos excedentes de electróns limpos que se están desperdiciando e non podemos deixalo pasar durante máis tempo”, insiste.
Durante o debate coa comisaria Kadri Simsom, o relator socialista lembrou a importancia de promocionar os sistemas de almacenamento eléctrico “nun mix que transiciona cara a unha maior transición de renovables”.
Entre as medidas que mencionou Casares na súa intervención, está a mellora da electrificación do transporte ou o investimento en almacenamento de auga, tendo claro de que se trata dun recurso de “un ben común”.
A Unión Europea prevé que as enerxías renovables alcancen o 69% do mix eléctrico para 2030.
O relator socialista inicia o proceso de escoita activa e negociación na reforma do mercado eléctrico
A primeira reunión entre os relatores dos diferentes grupos políticos para aprobar a axenda de traballo xa se realizou. O próximo 12 de maio presentarase a proposta da parte do relator e, o día 22 do mesmo mes, debaterase no Comité ITRE, o que supoñerá todo un reto para os diferentes relatores.
En Estrasburgo o proceso de escoita activa e diálogo xa deu comezo. Neste proceso están a participar partes interesadas e actores tan importantes como a Secretaria de Estado para a UE de Francia, Laurence Boone; Eurelectric, EDF, ENTSO-E, PGE (Polonia) ou NordEnergi.