Encontro do eurodeputado Nicolás González co alumnado do IES Xesús Taboada Chivite de Verín polo Día de Europa

Maio 10, 2024

O socialista resalta a importancia da integración europea e celebra o traballo das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia

O eurodeputado galego Nicolás González Casares achegouse esta mañá ata o IES Xesús Taboada Chivite de Verín para celebrar o Día de Europa, poñendo de relevo o impacto positivo dos valores europeos nas novas xeracións.

Durante o seu encontro co estudantado, González resaltou o legado da Declaración Schuman como un piar fundamental na construción dunha Europa unida e pacífica. “A Declaración Schuman marcou o inicio dunha era de cooperación política que promoveu a estabilidade e o desenvolvemento no noso continente”, expresou o eurodeputado, salientando a importancia de lembrar e celebrar este fito histórico.

O socialista subliñou a relevancia dos valores europeos, tales como a solidariedade, a diversidade e o respecto polos dereitos humanos, compartidos polo IES Xesús Taboada Chivite como unha das dez Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia. “É esencial que os mozos e mozas interioricen estes principios, pois son primordiais para o futuro de Europa”, engadiu.

O eurodeputado tamén fixo fincapé na eliminación das fronteiras dentro da Unión Europea como un símbolo tanxible da integración e a cooperación entre os estados membros. “Ata hai pouco, cruzar de Verín a Chaves implicaba atravesar unha fronteira física. Hoxe, esa barreira desapareceu”, apuntou.

A visita de Nicolás González Casares ao IES Xesús Taboada Chivite reafirma o seu compromiso coa promoción dos valores europeos e o importante que é a colaboración entre as institucións educativas e políticas para fortalecer o espírito da UE.

Artículos relacionados