O PSdeG esíxelle á Xunta e ao PP que se sumen ao consenso na defensa do galego: “Se o PP quere, o galego será lingua oficial en Europa en cuestión de meses”

Maio 19, 2024

Nicolás González Casares participa na manifestación na defensa da lingua celebrada en Compostela

O candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, reclamoulle hoxe ao PP que volva ao consenso na defensa do galego logo de máis dunha década de políticas que situaron á lingua “en franco retroceso”. O responsable socialista encabezou a representación socialista na manifestación en defensa da lingua que se celebrou en Compostela xunto co secretario local do PSdeG, Aitor Bouza.

González Casares emprazou ao PP a volver á senda do acordo na defensa do galego apoiando a iniciativa socialista para facer esta lingua cooficial na UE, e puntualizou que “se o PP quere, o galego será lingua oficial nas institucións europeas en cuestión de meses”. Dixo que “teñen a oportunidade de sumarse” e advertiu que “non se entendería que fagan o mesmo que no Congreso”, onde votaron en contra do uso do galego encabezados polo ex presidente da Xunta, Núñez Feijóo.

Reivindicou “firmemente” o “papel, o rol e a defensa do galego en Europa, en Bruxelas, porque somos o partido que fai Europa dende Galicia”, e lembrou a proposta para o recoñecemento do galego que encabezan os socialistas europeos no Parlamento Europeo e na Comisión Europea, así como no Consello Europeo por iniciativa do goberno de España. Adiantou que o PP terá a oportunidade de apoiar esta mesma proposta tamén dende o Parlamento de Galicia.

González Casares resumiu que “queremos galego nas institucións europeas”, e defendeu “avanzar para que o galego gañe máis espazos día a día”, mentres lle afeou aos gobernos do PP que tomen medidas para debilitar ao galego descolgándose dos acordos históricos “mentres falan de consenso”.

Aitor Bouza

O secretario xeral do PSdeG de Compostela, Aitor Bouza, aproveitou hoxe para valorar “moi positivamente” o “esforzo” do estudantado compostelán e galego na defensa dos dereitos humanos coas súas iniciativas a prol do pobo palestino. Sinalou que estes días, como sucedeu “nos séculos pasados”, a mocidade e o estudantado lideran as loitas que supoñen a defensa dos dereitos humanos e os avances sociais.

Sinalou que, ademais do día das Letras Galegas, hoxe é o Día contra a LGTBIfobia, e reivindicou políticas activas “en contra dunha lacra social que representa o peor da nosa sociedade, en contra dos nosos valores e da igualdade”. Esixiulle á Xunta que faga un esforzo “real” para combater esta lacra social, antes de lembrar que o goberno galego tan destina ás políticas de LGTBI apenas 48.000 euros ao ano de todo o Orzamento da Comunidade Autónoma.

González Casares e Bouza participaron na manifestación en defensa da lingua xunto con representantes dos socialistas galegos como o senador compostelán Xosé Sánchez Bugallo, a parlamentaria autonómica Lara Méndez, o secretario de XSG, Xurxo Doval, e cargos públicos e orgánicos do PSdeG de Santiago.

Artículos relacionados