Casares e Greenpeace Galicia comparten sensibilidades respecto á protección do territorio

Maio 31, 2024

O socialista foi o único eurodeputado galego que votou a favor da Lei de Restauración da Natureza da UE

A Rede Natura, a Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, Altri ou a eólica mariña foron algúns dos temas que abordaron o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares e Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, nunha xuntanza celebrada na cidade de Vigo.

Galicia apenas ten cuberta como Rede Natura un 12% do seu territorio fronte ao 27% de España, deficiencia que non só se dá en termos de extensión senón tamén de xestión. Santos e Casares demandaron que se amplíen os espazos protexidos e se restauren as zonas naturais degradadas, en definitiva, que se cumpra co que as leis de conservación da natureza ditaminan. A este respecto, desde a ONG mantéñense expectantes ante o impacto que terá a Lei de Restauración da Natureza da UE, liderada polo socialista César Luena e aprobada recentemente no marco do Pacto Verde. Nicolás González, o único eurodeputado galego que votou ao seu favor, confía en que a normativa permitirá “recuperar os nosos montes e rías danadas”.

O coordinador de Greenpeace en Galicia tamén puxo enriba da mesa o asentamento de Altri na Ulloa, contra o que se manifestan abertamente pola súa proximidade a unha Zona de Especial Conservación da Rede Natura e as ameazas que pode supoñer para o ciclo da auga e a biodiversidade co aumento dos cultivos de eucalipto. Unha situación que os socialistas seguen de preto. “A Xunta de Galicia non lle contou a verdade aos galegos e galegas, estaremos vixiantes e seremos moi escrupulosos”, explicou o candidato a eurodeputado do PSdeG-PSOE.

Ante a urxencia de abandonar os combustibles fósiles, Santos trasladou a preocupación porque a implantación da eólica mariña na comunidade se leve a cabo con todas as garantías para o medio ambiente. Preocupación compartida por González Casares que, ademais, avogou porque se faga tendo presente as actividades preexistentes na zona e en beneficio da comunidade. Para o socialista, esta representa unha oportunidade importantísima para a industria galega. “A esixencia do mantemento continuado das instalacións é maior ca o da eólica terrestre, polo que a offshore demandará máis traballadores. Por exemplo, unha plataforma de Dinamarca pode xerar ata 40 empregos”, apuntou.

Ámbolos dous coincidiron en sinalar a falta de electrificación da demanda enerxética en Galicia, que frea a exportación organizada e, polo tanto, a descarbonización da nosa economía. Nesta liña, a nova Directiva Europea de Enerxías Renovables, da que González Casares foi o relator socialista, eleva ata o 45% o obxectivo de renovables no consumo final da UE en 2030 e acelera e simplifica os procedementos de autorización dos proxectos renovables.

Artículos relacionados