O eurodeputado galego considera que o foco na competitividade industrial europea debe servir de panca para o impulso de reindustrialización verde de Galicia
Apoia o compromiso para que haxa un comisario de Pesca específico, tal e como defenderon os socialistas galegos na campaña
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, sinalou hoxe que a apertura da X lexislatura do Parlamento Europeo marca o inicio dunha “lexislatura crucial para o futuro de Galicia” e considerou que o foco posto na competitividade industrial europea debe permitir impulsar a reindustrialización verde de Galicia defendida polos socialistas galegos.
Así o trasladou González Casares tras asistir á sesión plenaria na que a candidata á reelección como presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, presentou as súas orientacións políticas para a nova lexislatura europea, na que puxo o acento na necesidade de impulsar a competitividade e prosperidade europea sobre da base do desenvolvemento sustentable.
Para González Casares, o foco na competitividade e sustentabilidade da industria europea e as propostas para impulsar un novo Pacto pola industria limpa ou unha nova Lei de aceleración da descarbonización industrial é unha “fiestra aberta” para que floreza a industria verde galega, que conta con “vantaxes competitivas incontestables” en sectores como as enerxías renovables, a automoción ou a metalurxia.
O eurodeputado socialista considerou igualmente positivo o compromiso para consagrar na normativa comunitaria os novos obxectivos de descarbonización para 2040 no camiño para lograr a neutralidade climática en 2050 e, se ben valorou a defensa do marco desenvolvido na pasada lexislatura ao calor do Pacto Verde, advertiu falta de ambición en materia de sustentabilidade.
Polo que respecta ao sector primario, González Casares valorou a aposta por reforzar o diálogo cos profesionais do sector agrogandeiro e por defender o reforzo da súa posición para lograr prezos xustos para a produción alimentaria europea. Igualmente, aplaudiu o compromiso para que Europa volva contar cun comisario específico de Pesca, tal e como os socialistas galegos reclamaron e comprometeron na pasada campaña das eleccións europeas. “Recuperar esta carteira é de sentido común dado que unha política exclusiva da Unión Europea como é a política pesqueira común esixe un comisario dedicado a tempo completo a garantir a competitividade, sustentabilidade e futuro do sector”, indicou.
Con todo, Casares reprochou que, máis alá deste compromiso, as liñas políticas esbozadas por Ursula Von der Leyen ante o Parlamento Europeo non ofrecen certezas, senón vaguedades, polo que remarcou que os socialistas galegos traballarán no Parlamento Europeo para que se recoñeza o papel que o sector pesqueiro e acuícola merece “dada a súa achega clave á seguridade alimentaria pero tamén en canto á xeración de progreso social e económico”.
A este respecto, o eurodeputado galego citou entre as prioridades para a lexislatura neste campo unha revisión da Política Pesqueira Común que devolva o equilibrio ás súas tres dimensións -social, ambiental e económica-; a esixencia de que as decisións se baseen en análises de impacto socioeconómico serios para evitar decisións arbitrarias como o peche de áreas á pesca de fondo, ou a protección do sector marisqueiro en pé de igualdade co resto de sectores pesqueiros, pero tamén destinando recursos para estudar as causas detrás da perda de produtividade das nosas rías.