Manifesto polo Día de Europa 2026 do PSdeG, PSC e PSE-EE

O 9 de maio de 1950, apenas cinco anos despois da maior traxedia que coñeceu o noso continente, Robert Schuman lanzou unha idea revolucionaria: facer imposible a guerra a través da unión entre os pobos de Europa. Non foi só unha declaración política. Foi un acto de valentía moral: responder ao odio con cooperación, ao medo con democracia e á destrución con esperanza.

 Hoxe, setenta e seis anos despois, Europa volve enfrontarse a unha hora decisiva. Vivimos un tempo de guerras, tensións xeopolíticas, ameazas ao dereito internacional e avance de quen quere substituír a cooperación pola lei do máis forte.

Vémolo en Ucraína, onde un pobo segue defendendo a súa liberdade fronte a unha guerra cruel. Vémolo en Gaza, onde a poboación civil continúa sufrindo unha masacre insoportable que esixe un alto o fogo permanente, axuda humanitaria e o recoñecemento efectivo do Estado palestino. Vémolo no Líbano, en Irán e nun Mediterráneo cada vez máis inestable. E vémolo tamén no auxe dunha extrema dereita que pretende dividir as nosas sociedades desde o odio, a desinformación e o medo.

Fronte a todo iso, os socialistas dicímolo con claridade: a resposta non é menos Europa. A resposta é máis Europa.

Este Día de Europa ten ademais un significado especial. Celebramos corenta anos da adhesión de España á Unión Europea. Catro décadas nas que Europa foi sinónimo de democracia, modernización e progreso tamén para Galicia, Euskadi e Cataluña e para os seus territorios e para a súa xente.

Europa axudou a consolidar as nosas liberdades, a construír infraestruturas, a desenvolver os nosos territorios, a fortalecer o Estado do benestar e a abrir oportunidades para millóns de traballadores, estudantes, empresas e familias.

España tamén abriu camiño coa excepción ibérica para baixar o prezo da electricidade, situou a vivenda no centro da axenda europea ata lograr o primeiro plan europeo de vivenda accesible e defendeu con firmeza o recoñecemento do Estado palestino, a paz e o respecto ao dereito internacional.

O liderado europeísta do Goberno de Pedro Sánchez demostra que España non agarda o rumbo de Europa: axuda a marcalo. E Galicia, Euskadi e Cataluña saben ben que Europa tamén se constrúe desde os pobos e desde as identidades que enriquecen o proxecto común.

“Unidos na diversidade” non é só un lema. É unha convicción profunda que socialistas galegos, vascos e cataláns defendemos porque cremos que a nosa identidade achega valor ao proxecto europeo. Por iso non cesaremos no noso empeño para que o galego, o catalán e o euskera sexan linguas oficiais da Unión Europea e poidan ser escoitadas no Pleno do Parlamento Europeo.

Queremos unha Europa que protexa os seus traballadores e traballadoras, que garanta salarios dignos e emprego de calidade, que reforce os seus servizos públicos e que non permita que a vivenda se converta nun luxo inaccesible para a maioría social.

Queremos unha Europa que defenda o seu modelo social e fortaleza un orzamento europeo ambicioso. Como líderes dos partidos de progreso, sempre defendemos un Marco Financeiro Plurianual que teña en conta ás rexións europeas, ás súas necesidades reais e á súa capacidade para decidir. Queremos xestionar Europa porque cremos no autogoberno, na proximidade e nunha Europa que se constrúe tamén desde abaixo.

Queremos unha Europa que acelere a transición ecolóxica desde a xustiza social. Porque as enerxías renovables son a mellor ferramenta para combater o cambio climático, reducir a nosa dependencia dos combustibles fósiles e abaratar a enerxía para familias e empresas. Cremos nun progreso verde, con industria, con emprego e con futuro, pero sempre en harmonía co noso territorio e coa nosa natureza. O Pacto Verde Europeo non é o problema. É parte esencial da solución.

Por iso pedimos a Europa que apoie os nosos valores, a nosa industria limpa, a nosa biodiversidade, os nosos montes, os nosos ríos, as nosas rías e as nosas comunidades. Porque Europa atopará en galegos/as, vascos/as e cataláns/ás apoio leal para avanzar nun Pacto Verde Europeo xusto, ambicioso e social.

Galicia , Euskadi e Cataluña somos pobos afortunados pola nosa cultura do mar e pola nosa pesca. A pesca é unha actividade esencial sen a que non se entendería a nosa economía, a nosa identidade nin a nosa democracia. Defenderemos sempre a nosa pesca e as nosas comunidades pesqueiras, ás que ás veces a Unión Europea esquece ou non escoita coa atención que merecen.

Queremos unha Europa feminista, que siga ampliando dereitos e liberdades, que protexa as mulleres fronte a calquera retroceso e que defenda con orgullo os dereitos da comunidade LGTBI fronte a quen quere devolvernos ao pasado.

Queremos unha Europa que xestione a migración desde a solidariedade, a humanidade e a responsabilidade compartida.

Queremos unha Europa forte no mundo, cunha política exterior e de seguridade común capaz de falar cunha soa voz en defensa da paz, da democracia e dos dereitos humanos.

E queremos unha Europa que non renuncie nunca á súa alma. Porque Europa naceu para demostrar que a política pode estar ao servizo da dignidade humana.

A historia de Europa nunca foi a historia da resignación. Sempre foi a historia de quen, mesmo nos momentos máis difíciles, escolleu avanzar.

Hai corenta anos, España escolleu Europa. E hoxe, máis ca nunca, os socialistas seguimos escollendo unha Europa unida, forte, social, plural, verde e valente.

Porque Europa é moito máis ca un mercado ou unha moeda. Europa é a promesa de que o progreso compartido é posible. Europa é o lugar onde as voces que se expresan nas nosas linguas tamén merecen ser escoitas e sabemos que a sensibilidade e a pluralidade do proxecto europeo farano posible.

E esa promesa merece ser defendida en Galicia, Cataluña e Euskadi.

A Coruña a 9 de maio de 2026

Nota de Prensa do PSdeG