Ágora Europa: O PSdeG abre no seu Congreso o debate sobre o papel de Galicia na xeopolítica actual

O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará na tarde do sábado o foro que organiza o Grupo S&D da man do eurodeputado Nicolás González Casares no marco da reunión do máximo órgano do partido

O foro contará, entre outros, coa participación da secretaria de Política Económica do PSOE, Enma López Araújo; o secretario de Estudos e Programas, o senador Javier Izquierdo, e o secretario do PSOE Exterior, o senador César Mogo

O 15.º Congreso Nacional do PSdeG contará  como actividade paralela cun Ágora de Debate Europa, promovida polo Grupo dos Socialistas e Demócratas do Parlamento Europeo. O eurodeputado Nicolás González Casares avanzou hoxe o programa desta iniciativa, que se desenvolverá nunha zona do edificio Fontán habilitada como Espazo Europa.

Trátase, explicou, de contribuír á análise sobre tres cuestións de máxima interese para Galicia na actual conxuntura, económica, política e social, aproveitando a reunión do máximo órgano dos e das socialistas de Galicia, pero facéndoo “desde perspectivas europeas”. Para elo contarase “con compañeiros e compañeiras e tamén con expertos externos” que contribuirán ao debate dos problemas “que de verdade preocupan á cidadanía” e que tamén teñen unha compoñente europea.

A Ágora Europa contará con tres coloquios que se desenvolverán ao longo da tarde do sábado. Tras a inauguración, por parte do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ás 16.00 horas, abrirase o debate “A crise da vivenda: un problema europeo”. Nel participarán a tenente de alcalde e responsable das áreas de Urbanismo e Vivenda no Concello de Vigo, María José Caride; o secretario de Estudos e Programas do PSOE, ademais de voceiro de Vivenda no Senado, Javier Izquierdo, e o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval. Encargarase de moderar a secretaria de Política Económica e Transformación Dixital do PSOE, Enma López Araújo.

A segunda mesa, entre as 17.00 e as 17.50 horas, leva por título “A UE ante a nova xeopolítica: a derivada galega”. Intervirán a directora de gabinete adxunta do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Adriana Viz Fernández; o secretario do PSOE Exterior e membro da Asemblea Parlamentaria da OTAN, o senador César Mogo, e o secretario de Política Europea e de Transformación Dixital do PSdeG, o eurodeputado Nicolás González Casares. Levará o debate o secretario de Análise e Prospectiva do PSdeG, Iván Puentes.

Finalmente, o último debate, de 18.00 a 18.50, versará sobre “A lingua galega, unha lingua europea”, coa presenza da deputada galega e directora en excedencia da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, e o catedrático de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo e exmembro do comité de expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, Fernando Ramallo, coa moderación de González Casares.