ALTRI NON CUMPRE OS PRAZOS DA UE

Altri, prazos, fondos europeos e outros mitos

¿Presentaríaste a unha oposición sabendo que na data dos exames non vas estar presente? É máis: ¿presentaríaste a unha oposición sen ter a titulación que se che pide no prazo da convocatoria? Unha persoa razoable nunca o faría porque sabe que é imposible e porque, ademais, nin sequera se vai atopar na lista de incluídos ao proceso.

Pois isto que ninguén razoable faría é o que actualmente pretenden Altri e o seu comercial, Alfonso Rueda, en relación coa solicitude de fondos europeos do Plan de Recuperación. O proxecto mutante dunha “fábrica de fibras sostibles” en Galicia que se lle empezou a vender á cidadanía galega en 2020 para levar a produción á Mariña e que finalmente acabou como unha gran celulosa na Ulloa ten imposible cumprir os prazos marcados no Plan de Recuperación e Resiliencia de España, circunscrito aos prazos que fixa o Regulamento UE 2021/241 polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, orixe dos fondos europeos.

Ese regulamento indica que os pagos aos Estados membros efectuaranse ata o 31 de decembro de 2026 e que as accións e medidas a executar mediante subvencións deben estar rematadas antes do 31 de agosto de 2026. A administración pública española, como a da maioría dos Estados membros, gárdase ademais un tempo prudencial para a tramitación administrativa das axudas para poder completar todas as accións necesarias para recibir o pago das subvencións, polo que é habitual ver nas bases das convocatorias dos PERTES que o prazo de execución dos gastos ou investimentos non poderá exceder do 31 de marzo de 2026, con algunhas excepcións (o chamado capítulo Repower EU derivado da guerra en Ucraína) que poden chegar ata o 31 de decembro de 2026. Por aclarar, Repower EU non prevé en ningún caso iniciativas como as de Altri. 

Poñámonos en situación: os responsables do Proxecto Gamma (como así identifican os seus promotores o que o resto coñecemos como Altri) afirman que unha vez que se logren os permisos a planta necesitaría arredor de 3 anos para rematarse. Polo tanto, fagamos un pouco de ficción: imaxinemos que a Xunta avanzara rapidamente na tramitación da Avaliación Ambiental Integrada e a puidera ter para o verán (cuestionable: a propia Xunta ten anunciado que sería despois do verán). Se ,por exemplo, a luz verde da Xunta chegara o 30 de xuño restaríanlle a Altri uns 8 meses para finalizar a fábrica se quere recibir os Fondos de Recuperación. Descontando destes prazos ´pequenos detalles´ como a conexión á rede eléctrica que precisan e que aínda non saben cando podería estar (se algún día está), todos os trámites urbanísticos preceptivos, preparación dos terreos, trámites para recibir as axudas... É dicir, o que vén sendo un castelo de naipes de manual, porque iso é en realidade este proxecto, que ten como obxectivo real conseguir en Galicia o eucalipto que non atopan en Portugal. Polo tanto Altri non cumpre os prazos nin para o PERTE de descarbonización nin para calquera outra subvención do Plan de Recuperación que demanden.

Como lembrei previamente, a mesma empresa fala de 36 meses para a finalización do proxecto. É dicir, finais de 2028 como moi cedo, excedendo en dous anos os prazos esixidos pola normativa española e comunitaria, nada máis e nada menos. Cómpre lembrar que o Plan de Recuperación, chamado de xeito xeral Next Generation, foi unha resposta europea á crise da COVID aprobada no verán de 2020. É dicir, carece de sentido outorgar axudas e subvencións a proxectos aínda non empezados que xa están noutro marco temporal. Altri non foi unha boa idea para o Plan de Recuperación, nin por foco nin por prazos, e agora aínda o é menos ante o novo marco xeopolítico ao que se enfronta Europa.


Supoño que a pregunta que o lector se estará facendo é: ¿qué están buscando a Xunta e Altri solicitando fondos europeos do Plan de Recuperación cando saben que non poden executalos en prazo? Eu desde logo non teño a resposta, pero o que si teño claro é que debían estar na lista de non admitidos a esta oposición porque incumpriron as regras sabendo delas desde o minuto 0. Supoño que a Xunta de Galicia, continuando no lamentable rol xogado en toda esta historia, buscará culpar ao Goberno Central se Altri non obtén o solicitado. Acusarán ao Estado de marxinar a Galicia por non darlle 250 millóns de euros a fondo perdido a unha industria que non pode executar eses fondos en prazo, incumprindo as bases por principio. Un incumprimento do que a Xunta e a propia empresa son os únicos culpables pois, se a idea ven de 2020 e deron todas estas voltas, igual deberían replantexarse dunha vez por todas a súa clara inmadurez, por non entrar xa no fondo das cuestións ambientais e o incumprimento do principio rector do regulamento comunitario de Non Facer Dano Significativo (DNSH).

En realidade, resulta lamentable que a Xunta de Galicia non fora quen de avanzar proxectos innovadores para os fondos Next Generation, adaptados ao territorio e con capacidade de impulsar cambios no modelo produtivo e de xerar emprego nas industrias do futuro para sacar máis partido nos ámbitos da transición ecolóxica e dixital, que eran as prioridades do Plan de Recuperación. Rueda e Feijóo malgastaron unha boa oportunidade para Galicia debido a ausencia dunha política industrial real na Xunta de Galicia e á incapacidade dos seus máximos dirixentes para soñar e deseñar a Galicia do futuro. 

Ao xogo do disparate sumouse hai unhas semanas o CEO de Altri, Jose Soares de Pina, ao confiar que “o Goberno flexibilice os prazos do Plan de Recuperación”. O CEO de Altri sabe que os prazos para xustificar os fondos son os mesmos para España que para Portugal e os demais Estados membros. Como sabe, ou debería saber, que ningún deses gobernos ten a posibilidade de modificar os prazos que marca un regulamento europeo, pois para iso precísase unha reforma dese regulamento, o que esixiría pasar todo o proceso lexislativo da UE. Hoxe en día, é unha inxenuidade pensar nunha reforma dos prazos do regulamento comunitario para financiar proxectos que nin se teñen comezado ben avanzado 2025 e que van tardar anos en executarse.

Isto polo que atinxe á irrealidade de prazos e fondos no relativo a Altri. Imos agora con outros bulos que están tratado de colar o PP, a Xunta e Altri:

Empecemos pola desinformación que ten lanzado Rueda afirmando que a outras comunidades autónomas sí que se lle concederon axudas extraordinarias para certos proxectos. Queixouse o Presidente da Xunta, non sabemos se desde o descoñecemento ou emulando o cinismo do seu predecesor, que en Asturias a gran planta de aceiro de Arcelor Mittal recibira  400 millóns de axudas directas (á que ao final renunciaron como noutras factorias europeas en Bélxica, Francia ou Alemania); que a Cartaxena se lle adxudicaron 155 millóns para un electrolizador para producir hidróxeno ou que en Estremadura recibiran 200 millóns para unha planta de baterías. En realidade esas axudas son certas, como tamén é certo, e así o sabe Rueda, que o Plan de Recuperación e Resiliencia de España aprobado pola Comisión Europea indica claramente que a descarbonización das industrias metalúrxicas como o aceiro, as de baterías/almacenamento enerxético ou as de fabricación de hidróxeno verde son prioritarias, en liña coas prioridades fixadas a nivel comunitario. Nada di das fábricas de celulosa.

Outra información falsa lanzada desde o PP afirmaba que outros países si que deron fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia a proxectos similares aos de Altri. En realidade, especificaban o caso de Austria, referíndose probablemente á empresa Lenzing que é propietaria de varias  patentes de Lyocell -a fibra sostible que supostamente pretendía fabricar Altri na Ulloa-. É certo que esa compañía austriaca ten recibido fondos da UE, pero non do Plan de Recuperación: é dicir, non recibiu diñeiro de Next Generation, senón de Horizon Europe (o principal programa de investigación da UE) e do programa LIFE, nunhas contías de 6,9 e 10 millóns respectivamente, e en sociedade con outras empresas europeas. Polo tanto, nin recibiron fondos do Plan de Recuperación nin as cantidades se achegan ao que pide Altri. Ademais, esas axudas están dedicadas á I+D+I e non a montar unha fábrica. A ben seguro que Lenzing tería moito que dicir se se lle pretende dar 250 millóns de euros a fondo perdido a unha empresa que quere ser a súa competidora.

En definitiva, Altri e a Xunta poden pedir e reclamar fondos europeos do Plan de Recuperación, pero independentemente do que resolva o Goberno, os prazos non se van cambiar porque os fixa un regulamento comunitario. Por incompetencia do PP, Galicia ten perdido unha gran oportunidade de dedicar fondos do Plan de Recuperación a outros proxectos para impulsar un futuro sostible do noso país. Feijóo e Rueda demostraron a súa nula capacidade para imaxinar o futuro industrial de Galicia, ademais dunha connivencia irresponsable cun proxecto inmaduro. 

A estas alturas, o que hai que preguntarse é qué secretos compromisos adquiriron Feijóo e Rueda a través da sociedade participada pola Xunta Impulsa Galicia: ¿que é o que descoñecemos os galegos e galegas? ¿Que se nos agocha con celo desde un Goberno galego que prioriza os intereses dunha empresa por riba dos intereses do país?

Sexa o que sexa, como sempre e como prometín fai un ano con respecto a este asunto, seguiremos traballando para que se cumpra a lexislación europea .