As Conchas: unha sentenza de alcance en Saúde Planetaria

A recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a contaminación do encoro das Conchas (Ourense) representa un fito legal con importantes implicacións para a saúde planetaria non só a nivel galego ou español, senón tamén cun claro alcance europeo. Por primeira vez en España, unha resolución xudicial recoñece que a polución orixinada pola gandaría intensiva descontrolada pode vulnerar dereitos fundamentais ao degradar un recurso básico como é a auga e, por tanto, danar a saúde humana a distancia. Dende a perspectiva da Saúde Planetaria, esta sentenza resulta especialmente relevante: vincula directamente a superación dos límites ecolóxicos —neste caso o exceso de nutrientes como o nitróxeno (N) e o fósforo (P)— coa protección da saúde pública.

N comarca da Limia, unha densidade extraordinaria de explotacións porcinas e avícolas provocou durante anos o vertido de toneladas de nitróxeno e fósforo ao medio, sobrepasando a capacidade natural de absorción do entorno. Aínda que as explotacións pasan un proceso de avaliación do impacto ambiental, é evidente que este non foi avaliado correctamente, e dende logo non o impacto acumulado que producen todas as explotacións en conxunto nun área limitada. É algo que puxo de manifesto o TSXG noutra sentenza relativamente recente, no ano 2021, relativa ao análise dunha declaración de impacto ambiental dunha explotación avícola na área da Limia

O encoro das Conchas leva máis dunha década sufrindo episodios recorrentes de contaminación que converteron as súas augas nun problema sanitario e ambiental. A sentenza do TSXG declara que se produciu unha vulneración de dereitos fundamentais, incluído o dereito á vida, en conexión co acceso á auga limpa e a un medio ambiente saudable. O tribunal atribúe esta violación ao fracaso das administracións —a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS)— por non ter actuado a pesar de coñecer a gravidade da situación. En particular, a resolución subliña que a proliferación de máis de 300 macrogranxas na comarca (cuxa licenza é competencia da administración autonómica), sen control efectivo dos seus residuos, foi a causa directa da contaminación do encoro, o que vulnerou os dereitos fundamentais das veciñas e veciños afectados. Este recoñecemento xudicial é inédito na defensa dunha saúde planetaria con alcance legal. Ata agora, os impactos da gandaría industrial considerábanse un asunto de políticas ambientais, pero o TSXG afirma que tamén constitúen unha cuestión de dereitos humanos vulnerados. Nas palabras da propia sentenza, trátase dunha decisión “histórica” que representa un paso crucial cara ao recoñecemento de que os devastadores impactos dunha gandaría industrial descontrolada non son só unha cuestión de políticas públicas, senón tamén de dereitos humanos pola afectación do dereito á saúde.

Cómpre destacar nesta sentenza a perseveranza e o valor das persoas veciñas das Conchas que, apoiadas polas ONG ecoloxistas Amigos da Terra e ClientEarth, e alarmadas pola insostible degradación do encoro, puxeron en marcha esta demanda. Para o TSXG, o problema ten unha orixe clara: os vertidos de xurros, desatendidos e sen control, e outros residuos agro-gandeiros producidos nas explotacións da Limia, ricos en nitróxeno e fósforo, chegaron aos ríos e remataron acumulándose no encoro das Conchas. Este exceso de nutrientes provocou a aparición repetida de floracións masivas de cianobacterias e algas (os denominados blooms), que chegan a tinguir de verde as augas e xeran un fedor nauseabundo.

O risco para a saúde humana derivado desta situación quedou demostrado no xuízo segundo o alto tribunal galego. Estas floracións de cianobacterias liberan toxinas e favorecen a multiplicación de bacterias na auga, algunhas delas con efectos daniños para a saúde humana. Unha das probas achegadas ao caso revelou cifras alarmantes: ata 97 millóns de bacterias potencialmente perigosas por litro, persistindo durante todo o ano grazas ás condicións óptimas deste encoro contaminado. Entre elas detectáronse cepas resistentes a antibióticos, un achado grave en termos sanitarios que a propia Organización Mundial da Saúde (OMS) vincula coa crise mundial de resistencias microbianas.

O caso das Conchas foi posible grazas á perseveranza dos seus habitantes e ao apoio das organizacións ambientalistas fronte á resistencia das administracións, fundamentalmente a autonómica, que é quen debe controlar e poñer coto á orixe do problema, pero tamén da estatal, por non executar as súas responsabilidades de control do encoro. Sete veciños presentaron a denuncia inicial —apoiados legalmente por ClientEarth e Amigos da Terra— e finalmente o TSXG deulles a razón, sentando un precedente de gran alcance que abre camiño a outras comunidades rurais afectadas pola contaminación agrícola. Por exemplo, desde Amigos da Terra cualificaron o veredicto como “unha vitoria sen precedentes fronte á gandaría industrial”, expresando a súa esperanza na “nova vía que abre para todas as comunidades afectadas pola contaminación procedente das macrogranxas”, o que constitúe unha clara advertencia do que pode ocorrer noutros lugares afectados por esta actividade intensiva cando se descontrola.

A sentenza condenatoria obriga tanto á Xunta de Galicia como ao Estado (CHMS) a actuar de inmediato. En concreto, o tribunal ordena “adoptar de inmediato todas as medidas necesarias” para eliminar os malos cheiros e a degradación ambiental do encoro, garantindo o subministro de auga potable limpa e segura para a poboación. Así mesmo, impón unha moratoria na concesión de novas licenzas ou ampliacións de explotacións gandeiras na comarca ata que se reverta a situación. Entre outras medidas, a Xunta e a Confederación deberán implementar sistemas de vixilancia permanente da calidade da auga, controis periódicos de pozos, información transparente á poboación e, se for necesario, subministración alternativa (camións cisterna) se a auga non é apta para o consumo. Tamén se ordena realizar estudos epidemiolóxicos na zona para avaliar os efectos da contaminación na saúde das persoas habitantes.

A sentenza pon de manifesto tamén as deficiencias previas na xestión de residuos gandeiros. A resolución detalla que a administración autonómica permitiu a expansión das macrogranxas sen asegurar o tratamento axeitado dos seus refugallos. Os excedentes de xurro remataban espallados en lugares non controlados, sen avaliar a presenza de fármacos veterinarios, o que saturou o solo por riba da súa capacidade de absorción e contribuíu á aparición de bacterias resistentes.

Un aspecto clave subliñado por este caso é o atraso na aplicación da normativa europea de protección das augas fronte aos nitratos. A Directiva sobre nitratos obriga as rexións a identificar e designar “zonas vulnerables” á contaminación por nitratos de orixe agraria. Galicia, porén, non declarara aínda ningunha zona vulnerable na Limia a pesar da contaminación crónica. Só iniciou o proceso a partires de que o Real Decreto sobre protección das augas contra a contaminación por nitratos do 2022 obrigase ás CCAA a declarar zonas vulnerables. Só despois da sentenza, hai uns poucos días e xa fóra do prazo que lle correspondía, a Xunta anunciou que finalmente iniciará os trámites para regular estas zonas especiais.

Polo tanto, a sentenza do encoro das Conchas supón un precedente histórico que combina ciencia ambiental, dereito e fai referencia ás bases da Saúde Planetaria: recoñece legalmente que sobrepasar os límites planetarios de nitróxeno e fósforo ten consecuencias directas na saúde humana e obriga ás autoridades a actuar en consecuencia. Sen dúbida, este fallo é de gran alcance e podería marcar o camiño para futuros litixios ambientais, empoderando a outras comunidades afectadas pola contaminación agrícola e reforzando a idea de que protexer a saúde do planeta é tamén protexer a saúde e os dereitos das persoas.

Pola parte que me toca como eurodeputado, ademais de estudoso na disciplina da Saúde Planetaria, presentei unha pregunta escrita á Comisión Europea que xa foi respondida pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, quen informou que a Comisión “adoptará todas as medidas necesarias dentro das súas competencias” para asegurar o cumprimento da normativa europea neste caso.

O meu seguinte paso, dende a miña labor parlamentaria, será advertir á Comisión Europea sobre esta sentenza e facerlla chegar á comisaria para que realice un seguimento detallado deste asunto e se tomen as medidas oportunas para garantir o cumprimento da regulación europea, de forma máis concreta da Directiva Marco da Auga, da Directiva sobre nitratos e tamén do cumprimento da avaliación ambiental dos proxectos agrarios. Do mesmo xeito, este asunto presenta complexidades e situacións novidosas no ámbito legal que o fan moi interesante para o seu debate no seo do Parlamento Europeo.