González Casares: “Esta non é só unha reforma, senón un paso significativo cara a un mercado eléctrico máis resiliente, estable e sostible para Europa”

December 14, 2023

Na madrugada deste xoves aprobábase a reforma do mercado eléctrico, liderada polo eurodeputado socialista Nicolás González Casares

Este xoves, o Parlamento Europeo, tras nove meses de intenso traballo, alcanzaban un acordo co Consello sobre a reforma do mercado eléctrico, presentada pola Comisión o pasado 14 de marzo.

O eurodeputado Nicolás González Casares, relator da Eurocámara para a reforma, sinalaba esta mañá en rolda de prensa a capacidade do Parlamento para chegar a acordos de maneira eficiente. “Díxeno no seu día e repítoo hoxe: isto é un aviso que senta un precedente para Consello e Comisión: que ninguén volva deixar de lado ao Parlamento, a única institución elixida directamente polos cidadáns, como se fixo co abuso do artigo 122”, apuntaba.

Ao arranque do proceso, o socialista marcábase tres obxectivos clave: garantir a resistencia de Europa e a súa cidadanía ante unha crise enerxética, previr os picos de prezos e reforzar a competitividade a través de enerxías renovables. Hoxe, tras un arduo traballo de negociacións, o acordado co Consello axudará a cumprir estas metas. “Esta non é só unha reforma, senón un paso significativo cara a un mercado eléctrico máis resiliente, estable e sostible para Europa e a súa cidadanía”, afirmaba.

A protección ás persoas consumidoras sae reforzada coa introdución de medidas concretas como a prohibición de cambios unilaterais nos contratos, a protección total aos consumidores vulnerables e en situación de pobreza enerxética fronte ás desconexións ou a ampliación do dereito para compartir enerxía (tamén aplicable para as grandes empresas). En canto ás crises de prezos, establécense criterios claros para declarar unha crise de prezos da electricidade, con medidas específicas para abordar tales situacións.

O impulso ás renovables tradúcese nun fomento de instrumentos como os PPAs e os contratos por diferenzas para promover os mercados a prazo e o desenvolvemento das enerxías renovables con seguridade para os investidores e coa garantía de que consumidores e empresas se beneficien do seu menor custo. Con esta negociación compleméntase, ademais, o acordo alcanzado hai uns meses en relación á Directiva de Enerxías Renovables, abrindo a porta a que a Comisión estude a posibilidade de utilizar o Mecanismo de financiamento de enerxías renovables da Unión para organizar poxas a nivel europeo que axuden a alcanzar o obxectivo de renovables a 2030.

O acordo recolle tamén a modificación do artigo 19b sobre os contratos por diferenza, tras ser aceptada polo Consello, e que implica admitir a referencia aos esquemas equivalentes e as cláusulas de penalización como un elemento do deseño destes contratos.

“Desde logo, chegar a acordos implica logros e renuncias, por todas partes”, engadía Casares para recoñecer que a derrogación introducida polo Consello sobre a participación de activos que exceden os límites de emisións non é do seu agrado. Un punto que aceptaron dadas “as dificultades que pretenden afrontarse con esta derrogación e do cambio na realidade xeopolítica que vivimos trala invasión rusa de Ucraína”.

González Casares agradeceu o esforzo dos equipos negociadores e do equipo negociador do Parlamento, de todos os shadows, da Comisión e da Presidencia Española: “Se hoxe estamos a falar deste acordo é pola implicación decidida do Goberno de España e do Grupo dos Socialistas e Demócratas do Parlamento Europeo para que se abordase unha reforma do deseño do mercado eléctrico ante os fallos postos en evidencia durante a crise que sufrimos”.

O acordo terá que ser aprobado polo Consello e o Parlamento Europeo.

Artículos relacionados