O PSdeG colabora esta fin de semana co festival cultural galego de Bruxelas ‘Emigrasón’

marzo 7, 2024

O eurodeputado galego Nicolás González Casares volverá colaborar na segunda edición do evento que comezou en 2023

Salienta a proposta cultural e defende ‘Emigrasón’ como punto de encontro para a mocidade emigrante galega

O PSdeG-PSOE volve colaborar unha vez máis coa organización do Festival Emigrasón para impulsar a segunda edición deste evento, que terá lugar esta fin de semana en Bruxelas. Por segundo ano consecutivo, o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares púxose a disposición da organización deste importante evento cultural, que xuntará na capital europea a arredor de mil galegos e galegas chegados de toda Europa.

Os socialistas galegos felicitan á organización non só por ter logrado darlle continuidade tras o lanzamento en 2023, senón por ter feito posible que medrara. “Trátase dun festival que trae a Bruxelas a música galega, pero aínda máis importante, que serve de punto de encontro dos mozos e mozas galegas que están na diáspora comunitaria e que pon de relevo a importancia da lingua galega como unha lingua europea en pé de igualdade co resto de linguas”, sinalou González Casares.

Este ano, o festival galego para a mocidade emigrante en Bruxelas organizará diversos eventos culturais, cun festival de poesía o venres no Instituto Cervantes de Bruxelas a cargo das poetisas Lucia Aldao e María Lado e unha foliada no Centro García Lorca co grupo tradicional Alumea. O sábado arrancará coa celebración do Foro da investigación galega no estranxeiro, no GC Pianofabriek, para rematar co concerto na sala Tricoterie que reunirá a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontra e The Rapants.

González Casares salientou que “é un privilexio absoluto poder colaborar e poñer o noso gran de area para que decenas de artistas do país non só se reencontren coa mocidade emigrante, senón que dean a coñecer a novos públicos a vibrante escena cultural galega”. Agradeceu a “iniciativa, tesón, esforzo e bo facer” da organización para salvar todos os obstáculos para poñer en pé e dar continuidade ao festival.

Artículos relacionados