O socialista compartiu co alumnado de 5º e 6º de Primaria o seu labor no Parlamento Europeo
O eurodeputado Nicolás González Casares visitou esta mañá o CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa, onde mantivo un encontro co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria para achegarlles a Unión Europea e explicarlles en que consiste o seu traballo como membro do Parlamento Europeo.
Durante a visita, conducida pola directora do centro, Carmen Negro, e na que tamén participou o alcalde de Vilaboa, César Poza, González Casares explicou, de maneira próxima e moi didáctica, como funciona a Unión Europea e cal é o labor dun eurodeputado. Tamén lles contou como foi o seu camiño persoal e profesional ata chegar ao Parlamento Europeo e compartiu con eles aspectos da súa formación e da súa vida entre Galicia, Bruxelas e Estrasburgo.
O encontro desenvolveuse nun ambiente participativo no que a rapazada amosou unha gran curiosidade polo funcionamento das institucións europeas e polo traballo do político. Así mesmo, Casares tamén puido participar no podcast do centro ‘Cobres nas ondas’ e asinar no seu Libro de Honra.
“Foi unha visita moi proveitosa. Paseino moi ben compartindo coa rapazada o meu traballo no Parlamento Europeo e respondendo ás súas preguntas. Atopeime cuns nenos e unhas nenas con moitas inquedanzas”, sinalou.
O encontro forma parte do traballo de divulgación que González Casares desenvolve para achegar o proxecto europeo á xuventude, explicando como funcionan as institucións da UE e o impacto que teñen no seu día a día.

