Sobre mín

Son Nicolás González Casares, diputado ao Parlamento Europeo polo PSOE y pertenzo ao Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas (S&D).

Traballei durante case 20 anos como Enfermeiro, fundamentalmente no campo da urxencia e a emerxencia. Na miña profesión cultivei a docencia e a investigación.

Políticamente sempre estiven no meu partido, o PSOE, no que ocupei diferentes cargos orgánicos a nivel local e rexional, ademais de ter sido Tenente de Alcalde do meu pobo, Lalín, no interior de Galicia, un lugar polo que sinto especial predilección, pois alí vivín toda a miña vida.

En 2019 iniciei o meu camiño no Parlamento Europeo. Un reto de gran magnitude, máis aínda cando enfrontamos o desafío da transición ecolóxica e enormes tensións xeopolíticas ou situacións excepcionais como a pandemia.

Ao longo destes anos, puiden traballar directamente nas respostas a esta, como a estratexia europea de vacinación ou o reforzo dos mecanismos europeos ante emerxencias sanitarias, pero tamén noutros ámbitos como a loita contra o cancro, contra o desabastecemento de medicamentos ou a favor da asequibilidade e dispoñibilidade de fármacos. E no ámbito enerxético, tiven a oportunidade de liderar unha reforma social do mercado eléctrico, así como o impulso das enerxías renovables e a participación pública nos beneficios das mesmas, enerxías vitais para o futuro económico de Galicia.

Alén da política, participei en diversos movementos sociais no ámbito ambiental, cultural e deportivo.

No meu tempo libre gústame fundamentalmente gozar da montaña, dos bosques e do mar de Galicia; da miña familia e amizades, e desfrutar coa lectura e a música.

Europa ante un gran pacto verde

Un dos maiores retos de Europa neste momento é avanzar nunha transición ecolóxica que permita unha descarbonización progresiva da nosa economía e loitar así contra o cambio climático. A UE e os países que a forman están liderando no mundo esta transición cara a un cambio de paradigma que desterre os combustibles fósiles.

Esta gran transición tamén implica riscos e decisións delicadas. Debemos avanzar, si, pero ao mesmo tempo saber que hai que facelo dun modo socialmente sustentable, evitando desigualdades e facilitando novas oportunidades de crecemento e emprego.

O meu papel na Comisión de Industria, Enerxía e Investigación (ITRE) está moi focalizado nestes aspectos. Conceptos como as políticas de Transición Xusta, o Pacto Verte Europeo, as Enerxías Limpas, o deseño do Mercado Eléctrico, a asequibilidade dos prezos da enerxía, a redución das emisións de CO2, a mobilidade limpa… están, e seguirán a estar, no foco do labor diario do meu equipo.

Europa e España ante os riscos do populismo

Este é un continente con moita historia. O século XX deixounos claro que os nacionalismos destruían as nosas sociedades. En Europa e en España os fanatismos e o populismo marcaron grande parte da historia dos últimos 100 anos. Sen dúbida, o mellor que lle aconteceu á xente que habita esta vella parte do planeta é o nacemento e consolidación do proxecto europeo.

A aprobación da Constitución de 1978 e a entrada en 1986 na Comunidade Económica Europea, hoxe Unión Europea, son probablemente os fitos máis importantes dos últimos 50 anos da historia de España. Desde eses fitos históricos España alcanzou a súas máis altas cotas de benestar e progreso. Desde o Parlamento Europeo temos a obriga de defender a sociedade europea para evitar que se asome aos abismos populistas e que non volva caer nos destrutivos errores do pasado.

Galicia con identidade nun mundo global

A entrada de Galicia na UE enfrontounos a retos importantes na súa modernización, con procesos dolorosos na nosa industria e no noso agro. Con todo, non cabe dúbida de que a integración en Europa foi beneficiosa para o país (as nosas cotas de benestar, de dereitos sociais e de calidade democrática, pero tamén as infraestruturas educativas sanitarias ou de transporte son boa mostra diso) e que temos grandes oportunidades no espazo común europeo.

Os retos do novo Pacto Verde Europeo terán moita incidencia na nosa terra: non é tempo de vitimismos, senón de atención e proactividade para aproveitar as oportunidades que a transición ecolóxica ofrece a Galicia e as súas vantaxes competitivas para xerar un novo renacer industrial na nosa comunidade.

Galicia ten un grandísimo potencial enerxético, nunca suficientemente valorado. Producimos enerxías limpas, que son as de presente e de futuro. A descarbonización tivo e terá un impacto considerable nos nosos sectores produtivos, de aí a importancia de termos traballado para incluir Galicia como beneficiaria dos fondos de Transición Xusta e de aproveitar as novas oportunidades industriais que están en camiño. Tamén na dixitalización ou na mobilidade sustentable.

O noso sector primario é clave para o desenvolvemento e fixación de poboación. O sector agrogandeiro ten que camiñar cara producións extensivas e máis sustentables, facendo valer a posición do noso sector como proveedor de alimentos de alta calidade. Na Pesca, o dominio galego dos mares ten que seguir marcando o noso avance polo camiño dunha sustentabilidade ambiental, pero tamén social e económica, deixada de lado nos últimos anos. Ao igual que urxe reforzar a atención e protección do noso sector marisqueiro, vital para o tecido económico de innumerables bisbarras do país, así como impulsar unha política acuícola respetuosa do medio.

Pero se algo identifica a Galicia é o seu territorio e a súa lingua: o meu compromiso e a defensa da nosa terra, a nosa paisaxe, que é fonte de riqueza, e os nosos ecosistemas e valores naturais, seguirán a guiar o meu traballo en Europa. Seguiremos reivindicando o valor do galego, a nosa lingua, desde todas as instancias. Unha lingua viva que temos que defender e potenciar tamén en Europa.

Transparencia

Coma representante no Parlamento Europeo, o meu compromiso é actuar con total transparencia en todas as miñas xestións. A través desta sección, poderá acceder de manera directa ás miñas declaracións, intervencións e outras actividades realizadas no Parlamento Europeo.