O eurodeputado e os alcaldes reúnense en Bruxelas para abordar as negociacións dos acordos de libre comercio co Sudeste asiático
O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares e os alcaldes de Boiro, José Ramón Romero ‘Martiño’, e da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, reclamaron esta mañá desde Bruxelas medidas de salvagarda para protexer o sector conserveiro galego nas negociacións dos acordos de libre comercio co Sudeste asiático.
Durante o encontro, analizaron o impacto que os acordos con países como Filipinas, Indonesia e Tailandia poden ter no sector da conserva, especialmente da conserva de atún. Os representantes socialistas coincidiron na necesidade de instar á Comisión Europea a protexer os miles de empregos e o futuro de comarcas costeiras enteiras que dependen “dun sector clave para a soberanía alimentaria europea” e que non pode ser utilizado como “moeda de cambio” nestas negociacións.
O eurodeputado e os alcaldes amosaron a súa preocupación polo impacto acumulado dos acordos comerciais con Filipinas, o recentemente acadado con Indonesia, e os que se están negociando con outros países como Tailandia, e reclamaron medidas de salvagarda para impedir un impacto negativo no sector galego da conserva.
Así mesmo, criticaron a falta de atención da Comisión Europea ás repercusións que estes acordos poden ter no sector da conserva de atún, tendo en conta o peso destes países na industria atuneira mundial. Tailandia é un dos principais produtores de conservas de atún, Indonesia destaca polo seu volume de capturas e Filipinas ocupa tamén unha posición relevante tanto na pesca como na produción conserveira.
Por último, instaron á Comisión a combater a competencia desleal derivada das diferenzas nas condicións de produción, entre elas a falta de ratificación de determinados convenios internacionais fundamentais en materia laboral, a aplicación de estándares sociais e ambientais menos esixentes e a existencia de prácticas de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

