PSdeG e BNG denuncian a censura e manipulación informativa da TVG na súa cobertura do pleno do Parlamento Europeo

Os eurodeputados do PSdeG-PSOE, Nicolás González Casares, e do BNG, Ana Miranda Paz, denunciaron hoxe un novo exemplo de “censura e manipulación informativa” cometida pola TVG na súa cobertura da sesión plenaria do Parlamento Europeo celebrada esta semana en Estrasburgo.

Tal e como denunciaron os eurodeputados galegos, un equipo da TVG, convidado polo Servizo de Prensa do Parlamento Europeo, desprazouse a Estrasburgo para cubrir a sesión plenaria, sesión na que, entre outros asuntos de importancia, se produciu a votación sobre o regulamento de retorno, regulamento que permite a deportación de migrantes a terceiros países fóra da UE.

Malia o voto en contra dos eurodeputados dos grupos de esquerda, a TVG unicamente destacou a “ampla maioría” coa que saiu adiante ocultando que, quen votou a favor, foron os grupos de dereita e extrema dereita, os correlixionarios de Feijóo e Abascal, mentres os grupos de esquerda, entre eles o Grupo dos Socialistas e Demócratas e o Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, votaron en contra dese “regulamento da vergoña”.

Os eurodeputados galegos denunciaron igualmente a censura á que os someteu a TVG pois, logo de gravaren senllas entrevistas de 10’ co equipo desprazado a Estrasburgo, a TVG apenas emitiu 30” coas declaracións de ambos, ocultando nos espazos informativos, ademais, os posicionamentos expresados en relación ao regulamento de retorno, nun exemplo máis da “manipulación e censura constante” da televisión de Rueda.

Finalmente, os eurodeputados galegos lembraron que chove sobre mollado dado que se trata dun exemplo máis da manipulación sistémica do ente público por parte do PP, quen aprobou unha lei de medios públicos galegos que vulnera o pluralismo e a liberdade informativa  consagrados na Lei Europea de Liberdade de Medios, feito que denunciaron e seguirán a denunciar ambas as dúas forzas políticas ante as autoridades comunitarias.