González Casares esixe sancións ás plataformas que publicitan medicamentos ilegais

O eurodeputado socialista denuncia que case a metade dos medicamentos declarados ilegais en España continuaron anunciándose en grandes plataformas dixitais tras a súa prohibición

“Coa saúde dos europeos, o beneficio nunca pode ir por diante da lei”, advirte

A publicidade de medicamentos ilegais nas grandes plataformas dixitais e a falta dunha resposta efectiva fronte a estas prácticas chegaron ao pleno do Parlamento Europeo este luns. Durante o debate, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares reclamoulle á Comisión Europea que reforce a aplicación da normativa comunitaria e actúe contra as plataformas que permiten e obteñen ingresos da promoción de produtos prohibidos ou potencialmente perigosos para a saúde.

O debate sobre a protección dos pacientes fronte aos medicamentos ilegais e falsificados vendidos en liña e o reforzo da aplicación da lei e da cooperación transfronteiriza foi impulsado polo Grupo Socialista a iniciativa de Nicolás González e das eurodeputadas Leire Pajín e Laura Ballarín.

“En España, case a metade dos medicamentos que a nosa Axencia de Medicamentos declarou ilegais seguiron anunciándose despois da súa prohibición en Facebook, Instagram, Google e TikTok”, advertiu Casares, que incidiu en que non se trataba de publicacións illadas, senón de anuncios de pago polos que as propias plataformas obtiveron ingresos.

O eurodeputado alertou de que o problema transcende as fronteiras españolas. “En toda Europa detectáronse máis de 350.000 anuncios de suplementos potencialmente perigosos só en Facebook”, sinalou durante a súa intervención.

Casares rexeitou, neste sentido, que a dificultade para controlar o enorme volume de contidos poida servir de xustificación. “As plataformas din que non poden controlalo todo, pero ben que cobran por eses anuncios. Din que é un problema técnico. Non, é un modelo de negocio: cobrar polo anuncio e mirar para outro lado”, denunciou.

O eurodeputado galego lembrou que a Lei de Servizos Dixitais establece obrigas para combater a difusión de contidos ilegais. “A Lei de Servizos Dixitais é clara. Contido ilegal significa actuar”, defendeu Casares, quen reclamou unha resposta efectiva ante estes casos: “Queremos investigacións, prazos, sancións, porque coa saúde dos europeos o beneficio nunca pode ir por diante da lei”.