Casares e o CEO de Saint-Gobain avanzan en medidas para mellorar a competitividade da industria europea e galega

A compañía, que conta cunha fábrica en Lalín, trasladoulle ao eurodeputado as súas propostas para avanzar na descarbonización industrial

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares reuniuse en Estrasburgo con representantes da compañía Saint-Gobain, que conta cunha fábrica en Lalín, para abordar os retos da industria e avanzar nunha transición enerxética que garanta a súa competitividade e o emprego.

González Casares mantivo un encontro co CEO de Saint-Gobain PAM, Jérome Lionet, en Estrasburgo durante a última sesión plenaria de outubro do Parlamento Europeo, no que abordaron os principais retos do sector e as súas propostas para avanzar na descarbonización industrial e mellorar a súa competitividade. Así, Casares entende que a competitividade “vai da man coa necesaria xeración de emprego industrial para Europa, pero especialmente para Galicia”. 

O socialista destacou a especial relevancia que ten esta empresa para Galicia e, particularmente, para Lalín, o seu municipio natal, onde Saint-Gobain conta cunha fábrica. “Para min, a industria de Lalín ten un significado especial. Sempre levarei as reivindicacións do meu municipio a Europa, porque defender a nosa industria é tamén defender o futuro de Galicia, o emprego e as oportunidades para a nosa xente”, sinalou.

O eurodeputado subliñou que a industria é un piar fundamental para a economía galega, tanto pola súa contribución á actividade produtiva como pola súa capacidade para xerar emprego de calidade, fixar poboación e dinamizar o territorio.

Durante a xuntanza, González Casares tivo en conta as propostas trasladadas pola compañía en materia de descarbonización, un proceso que debe ir acompañado de instrumentos e medidas que permitan ás empresas afrontar a transformación enerxética mantendo a súa capacidade produtiva. “Compartimos plenamente o obxectivo de avanzar cara a unha industria máis sostible. Pero esa transición debe servir tamén para fortalecer as nosas empresas, para que sigan sendo competitivas, xeren emprego e contribúan a dinamizar a economía. Sempre defendín en Europa a necesidade de contar cunha industria potente”, afirmou.

Casares destacou que “non é a primeira reunión, nin será a última” con Saint-Gobain, enmarcándose este encontro nun intercambio constante de ideas que o eurodeputado mantén cos sectores que xeran emprego en Galicia. González Casares destacou a importancia de manter un diálogo permanente coas empresas e os sectores produtivos para que as decisións que se adopten en Bruxelas respondan aos desafíos reais da industria e contribúan a garantir o seu futuro.

Neste senso, tras escoitar as demandas do sector, o eurodeputado socialista incorporou emendas no marco dos traballos lexislativos da Lei de Aceleración Industrial (IAA) e do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (ETS) no Parlamento Europeo. Estas iniciativas buscan avanzar nun marco que favoreza a competitividade industrial, facilite a descarbonización e permita ás empresas europeas afrontar a transición sen perder capacidade produtiva fronte a outros mercados, “sempre co obxectivo claro da conservación e a creación dos postos de traballo”, remarcou.