O eurodeputado socialista coñece o traballo da ONG Rescate Internacional no Centro de Protección Internacional de Becerreá e a Casa das Chocas, impulsada pola cooperativa A Carqueixa
O eurodeputado galego Nicolás González Casares visitou este venres a comarca dos Ancares para coñecer de primeira man dúas iniciativas que amosan o potencial da acollida humanitaria e da colaboración co tecido produtivo local para contribuír á revitalización do medio rural. Durante a xornada, coñeceu o traballo desenvolvido pola ONG Rescate Internacional no Centro de Protección Internacional (CPI) de Becerreá e o proxecto Casa das Chocas, impulsado pola cooperativa A Carqueixa en San Román de Cervantes.
González Casares destacou o valor destas experiencias para amosar unha realidade da migración que, ao seu xuízo, non sempre ten presenza no debate público. “O que vimos hoxe é unha imaxe moi clara do impacto positivo das migracións”, afirmou, incidindo en que persoas que se viron obrigadas a abandonar os seus países atopan novas oportunidades en territorios que, ao mesmo tempo, precisan poboación e man de obra para seguir vivos.
A xornada arrancou na Casa da Cultura de Becerreá co encontro institucional “Do territorio a Bruxelas”, no que participaron representantes da ONG Rescate Internacional, do Concello de Becerreá e o propio eurodeputado. Por parte da entidade social estiveron presentes Cristina Bermejo, directora de Programas; Javier Otero, responsable de asistencia técnica de Emprego en Galicia; María Alejandra Solarte Cardozo, coordinadora do CPI de Becerreá; María Adelaida Gómez Abrao, técnica de Emprego, e María Josefa Pardo Vuelta, técnica de Acollida.
Durante o encontro abordáronse os resultados do programa de acollida e inserción laboral que a entidade desenvolve no municipio. Tamén participou Aboubacar Camara, natural de Malí, que compartiu a súa experiencia tras pasar polo programa de acollida e que actualmente reside e traballa en Becerreá.

O Centro de Protección Internacional de Becerreá, que comezou a recibir persoas refuxiadas no verán do 2024, conta con 73 prazas de acollida. Desde a súa apertura, pasaron polas súas instalacións arredor de 300 persoas, das que 194 conseguiron acceder a un emprego, grazas a un programa que combina formación lingüística, orientación laboral e acompañamento social.
González Casares puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade e o impacto que a chegada de novos habitantes pode ter sobre a comunidade. “Un negocio segue aberto, un colexio ten máis posibilidades de subsistir”, exemplificou, destacando a importancia destas iniciativas para manter os servizos e a actividade económica no rural.
A colaboración entre a ONG Rescate Internacional e A Carqueixa, un exemplo de integración e desenvolvemento rural
Tras o encontro en Becerreá, González Casares desprazouse ata San Román de Cervantes, onde visitou a Casa das Chocas, un proxecto da cooperativa A Carqueixa.
Durante a visita, o xerente da cooperativa, Román Sánchez, explicou as diferentes actuacións desenvolvidas para converter este espazo nun punto de encontro para a veciñanza e nun recurso para favorecer a actividade económica e a chegada de novos habitantes á comarca.

O proxecto conta cun bar, unha tenda de ultramarinos con produtos de proximidade, unha piscina pública e un servizo de hospedaxe con arredor de 12 habitacións, aproximadamente a metade reservadas para fins sociais, destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade ou que chegan á zona e aínda están na procura dunha vivenda.
A colaboración entre a ONG Rescate Internacional e Casa das Chocas materialízase tanto na prestación do servizo de catering á entidade social como na incorporación laboral de persoas que pasaron polo programa de acollida e que atoparon unha oportunidade de emprego neste proxecto. Así, durante o percorrido, González Casares tamén coñeceu a Altan Uguian, natural de Mongolia, que se trasladou a vivir á comarca coa súa familia. “Non só gañan as persoas migrantes que chegan, senón que gaña toda a poboación no seu conxunto”, sinalou.

Un modelo de boas prácticas para trasladar a Europa
A visita serviu tamén para analizar as posibilidades de trasladar estas experiencias ao ámbito europeo como exemplos de boas prácticas que combinan inclusión social, desenvolvemento rural e loita contra o despoboamento.
“Estas cousas hai que contalas”, afirmou o eurodeputado, que se comprometeu a trasladar a Bruxelas a experiencia coñecida durante a visita e defendeu a necesidade de darlle visibilidade a proxectos que amosan a contribución das persoas migrantes aos territorios que os reciben.

