González Casares celebra a aprobación definitiva da nova directiva farmacéutica: “Europa elixiu regras comúns para que a innovación chegue a todos os pacientes”

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares sinalou que o novo paquete farmacéutico que hoxe rematou a súa tramitación no Parlamento Europeo “demostra que, cando Europa aposta pola confianza, o consenso e unhas regras comúns, é capaz de sacar adiante reformas de gran calado”.

O Pleno da Eurocámara culminou a aprobación do paquete farmacéutico, do que forma parte a Directiva sobre o código da Unión relativo a medicamentos de uso humano. “Esta directiva é unha resposta europea, e non vinte e sete respostas nacionais, a un reto que compartimos todos: que os medicamentos cheguen a todos os pacientes, vivan onde vivan”. González Casares, relator socialista para a directiva, foi clave para que o acordo final “responda a unha perspectiva proeuropea baseada en regras comúns para todos os actores, e que sitúe o acceso dos pacientes aos medicamentos no centro da reforma”.

Máis acceso e sistemas sanitarios sostibles

“Mantivemos un marco que contén o custo que pagan os contribuíntes europeos pola protección de datos e de mercado e que garante a sustentabilidade dos nosos sistemas sanitarios públicos, sen renunciar a incentivos efectivos para que se investigue en Europa”, subliñou o eurodeputado. “As enfermidades raras sono de maneira individual, pero en conxunto afectan a máis de trinta millóns de europeos. Ningún deles pode quedar atrás”, dixo.

Por outra banda, González Casares referiuse ás obrigas de comercialización e subministración impulsadas polos socialistas, porque “a innovación só ten sentido se chega aos pacientes”. “Defendemos obrigas claras de comercialización e subministración, e por iso ampliamos o alcance da cláusula Bolar ás licitacións públicas. É a mellor garantía de que os medicamentos sigan sendo accesibles unha vez que rematan os períodos de protección”, afirmou.

Ademais, os socialistas defenderon a mellora da contorna regulatoria para as terapias avanzadas, que “son xa unha realidade para moitos pacientes e Europa ten que lideralas. Damos seguridade xurídica á exención hospitalaria, que tan bos resultados está a dar na investigación académica dos nosos hospitais, e abrimos a porta a contornas de probas regulatorias para que a innovación máis disruptiva se desenvolva aquí, e non fóra das nosas fronteiras”, destacou o eurodeputado.

Un sector farmacéutico europeo máis forte

Para González Casares, a reforma ofrece estabilidade e previsibilidade nun momento de fortes presións internacionais sobre as políticas sanitarias dos Estados membros.

“Fronte a modelos baseados en decisións unilaterais e cambiantes sobre prezos ou aranceis, a Unión Europea optou por unha lexislación equilibrada e responsable que proporciona estabilidade regulatoria. Esa seguridade xurídica é a nosa mellor carta para atraer investimento, ensaios clínicos e produción, e para construír un sector farmacéutico máis forte e máis autónomo en Europa”, concluíu.