O eurodeputado socialista valora como “histórica” a decisión da Comisión Europea de instar a España a corrixir as irregularidades na concesión da autoestrada
O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, afirmou hoxe que se “achega a hora de levantar a inxusta condena que o PP impuxo a Galicia coa AP-9”, despois de que a Comisión Europea emitise un ditame no que considera ilegal a prórroga da concesión outorgada polo Goberno do Partido Popular no ano 2000.
Segundo explicou Casares, Bruxelas entende que “a ampliación da concesión por 29 anos, seguida da venda da concesionaria sen licitación previa nin publicidade a nivel europeo, constitúe unha modificación substancial que equivale á adxudicación de novos contratos de concesión, que deberon ser sometidos a concurso público”. A Comisión outorga agora un prazo de dous meses ao Goberno de España para corrixir estas irregularidades, advertindo de que, en caso contrario, levará o asunto ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Para o socialista, non se trata “dun trámite burocrático calquera: trátase dunha estafa democrática que obrigaba aos galegos e galegas a pagar peaxes abusivas ata o ano 2048, sen opción a competencia nin a unha xestión transparente”. Casares lembrou que foi “só o Goberno de Pedro Sánchez quen aliviou de verdade a carga desta decisión tan inxusta, rebaixando substancialmente a peaxe”.
González Casares incidiu en que “Bruxelas entende que levamos décadas pagando un prezo político e económico por decisións contrarias ao dereito europeo” e subliñou que este pronunciamento “abre a porta a unha oportunidade histórica para poñer fin á condena que o PP impuxo a Galicia”.
O eurodeputado comprometeuse a seguir traballando desde o Parlamento Europeo para garantir que Galicia recupere “unhas condicións xustas de mobilidade, sen peaxes abusivas nin privilexios a concesionarias que se beneficiaron de decisións políticas contrarias aos intereses da cidadanía”.

