A capital belga acolle este venres e sábado os concertos de 9Louro, Fer, Baiuca ou Sabela
O PSdeG volve apoiar a cuarta edición do Festival da EmigraSON, que se celebrará os días 27 e 28 de febreiro en Bruxelas, e que se consolida como unha cita cultural de referencia para a diáspora galega e a difusión da música e cultura de Galicia no corazón de Europa.
O eurodeputado Nicolás González Casares salientou que “o festival acadou a súa madurez grazas á implicación da mocidade, que conseguiu que a música galega soe cada ano con máis forza na capital europea. É un orgullo poder colaborar con esta iniciativa desde os seus inicios e ver como proxecta a Galicia fóra das súas fronteiras”.
A cuarta edición do festival, organizada pola Asociación Cultural EmigraSON, combina tradición, vangarda e creación contemporánea. Na xornada do venres 27, os concertos de 9Louro, Fer e Paloma Paloma abrirán a programación na sala La Tricoterie, seguidos dunha foliada tradicional con Duendeneta Dilleis, ACG A Roda e Irmandade Galega na Suíza.
O sábado 28, na recoñecida sala La Madeleine, actuarán algúns dos nomes máis destacados da escena galega actual: Baiuca, The Rapants, Ortiga e Sabela, artistas que representan o momento único da música galega contemporánea que está a conquistar públicos en diversos países.
O Festival da EmigraSON non só serve de encontro para a comunidade galega residente en Bélxica, senón que tamén atrae a público internacional e xente de toda Europa interesada pola cultura galega. É unha mostra palpable de que a galeguidade non entende de fronteiras e de que a música e a cultura de Galicia teñen un espazo propio na capital europea.

