O eurodeputado advirte que manterá a “vixilancia” para garantir os intereses do sector conserveiro galego
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, advertiu esta mañá que o PSdeG-PSOE se manterá “vixiante” para que se “garantan” os intereses do sector conserveiro galego nas negociacións do futuro acordo de libre comercio que a Comisión Europea está a negociar con Tailandia.
Así o manifestou tras recibir a contestación da Comisión Europea á súa pregunta parlamentaria sobre a necesidade de protección do sector conserveiro galego e europeo no marco desas negociacións, dado que o país asiático é o principal produtor mundial de atún en conserva.
Na súa resposta, a Comisión Europea indica que o obxectivo das negociacións é lograr un acordo comercial “centrado na sustentabilidade” e que, en relación ás futuras condicións de acceso ao mercado, terá “debidamente en conta as sensibilidades específicas durante as negociacións”. “Os sectores sensibles desde o punto de vista económico, como o do atún, estarán suxeitos a modalidades específicas de acceso ao mercado, deseñadas coidadosamente e orientadas a evitar perturbacións nel”, manifesta.
O eurodeputado galego valorou a resposta e o compromiso da Comisión, pero advertiu que o texto do futuro acordo “debe plasmar este compromiso para asegurar condicións de competencia xusta e garantir a viabilidade dun sector esencial da economía azul galega e europea”. “Miles de postos de traballo e economía de amplas comunidades do litoral galego e europeo dependen da industria conserveira. En ningún caso imos permitir que se tome como moeda de cambio”, advertiu.
Na mesma resposta, a Comisión aborda tamén a recente adopción por parte de Tailandia de nova normativa que cuestiona o compromiso das autoridades do país asiático coas medidas de protección mariña e os compromisos internacionais en materia de pesca sustentable, compromisos “que foron a base para que a Comisión Europea levantara a tarxeta amarela por pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR) no 2015”, tal e como lembra Casares.
A este respecto, o Executivo comunitario recoñece que esta modificación “podería introducir novos riscos relacionados coa pesca INDNR” polo que a Comisión “conserva o dereito a considerar a adopción de medidas similares ás adoptadas no 2015”.
Igualmente, indica que o capítulo sobre comercio e desenvolvemento sostible do futuro acordo comercial xa está pechado e inclúe “compromisos sobre a xestión sostible dos recursos naturais, tamén con respecto á pesca e a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR), así como sobre a aplicación efectiva dos principios e dereitos fundamentais no traballo, e os esforzos continuos e sostidos para ratificar os convenios pertinentes da Organización Internacional do Traballo (OIT)”.
O eurodeputado galego incidiu na necesidade de “manter a presión” sobre as autoridades de Tailandia para que non haxa ningún paso atrás na loita contra a pesca ilegal nin na defensa do sector conserveiro galego e europeo.

