Nicolás González Casares: «A reconstrución poscovid é unha oportunidade clara para que Galicia impulse as renovables»

Nun momento no que Bruxelas debate como afrontará Europa a reconstrución tras a pandemia da covid-19, Galicia debe aproveitar as «oportunidades claras» que se lle presentan. É a reflexión que realiza o eurodeputado socialista Nicolás González Casares.

«Vai ser difícil que o plan arranque en xaneiro», recoñece González Casares nunha entrevista con PontevedraViva, que defende a «rapidísima resposta» que a Unión Europea tivo ante a alerta sanitaria, aprobando en xullo axudas por uns 750.000 millóns de euros.

Neste panorama, engade o representante dos socialistas galegos no Europarlamento, Galicia «ten que acelerar» e posicionarse ben de cara á repartición dese diñeiro.

A este respecto, Nicolás González Casares entende que unha das áreas estratéxicas que debería priorizar Galicia é o ámbito das enerxías renovables. «Isto non é só poñer máis muíños», sinala o eurodeputado, senón apostar por parques eólicos mariños compatibles coa pesca ou impulsar o biogás e a enerxía solar.

González Casares lamenta que a Xunta «o evita» para que sexan outras administracións «as que tomen esta decisión», a pesar de que Galicia é «líder» na fabricación da tecnoloxía necesaria, como demostran compañías como Navantia ou Windar.

O dirixente do PSdeG-PSOE engade tamén o sector da automoción a esta lista de prioridades para Galicia, ao entender que «estamos nun momento de dúbida» e o goberno galego debe contribuír a que esta industria sexa «competitiva».

Para iso, engade, debe apoiar o despregamento do coche eléctrico e fomentar a fabricación das pezas «máis importantes» deste tipo de vehículos ou da súa tecnoloxía dixital «porque pola contra Galicia irá perdendo peso no sector».

Galicia debería aproveitar estes fondos de reconstrución, segundo o eurodeputado socialista, tamén para que o sector agrario dixitalice os seus sistemas de produción e «busque a neutralidade climática», impulsando unha actividade primaria «cada vez máis sostible».

A restauración de áreas naturais de gran valor ecolóxico, o deseño dun novo modelo do monte galego que preserve a biodiversidade autóctona, a redución das emisións no tecido industrial ou a posta en marcha dun plan que mellore a xestión de residuos e implante unha economía circular son outras das «claves» para Nicolás González Casares.

A maiores, González Casares cre que Galicia debe avanzar na dixitalización da administración e da educación, para que esta última «dea un salto de calidade», algo que en todo caso «non se debe confundir con limitarse a poñer máis ordenadores nos colexios».

Con respecto a Pontevedra, o eurodeputado do PSdeG-PSOE sinala que a cidade «é un exemplo» en mobilidade sostible, o que debe servir para que o seu «indubidable atractivo» para a vida cotiá «se transforme» en capacidade para atraer a xente «que se instale nela para traballar», aproveitando as posibilidades que brinda o teletraballo.

«É unha oportunidade porque a xente cada vez máis traballa desde as súas casas e van preferir vivir nunha cidade como Pontevedra se lles animamos a iso», conclúe.

Artículos relacionados