Casares achégalles aos empresarios do Eixo Atlántico os obxectivos, oportunidades e desafíos do Plan Europeo de Recuperación

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, participou este venres na Coruña nun almorzo con empresarios do Eixo Atlántico asociados á Rede Mundo Atlántico no que falou do Plan de Recuperación Next Generation EU e da estratexia europea, co foco posto sobre os obxectivos, oportunidades e desafíos destes fondos. O eurodeputado fixo fincapé en que o mecanismo que os regula parte dun gran acordo centrado en dous conceptos fundamentais: irán destinados a promover a recuperación da economía europea tras a pandemia e terán un marcado carácter de adicionalidade.

Nicolás González Casares lembrou nesta liña que o propio regulamento marca os mínimos porcentuais que deben dedicarse a transición ecolóxica (dous terzos) e a transformación dixital (un quinto), así como a reforzar os sectores máis castigados pola crise e á recuperación e reforzo de servizos públicos. “Estamos ante unha estratexia transformadora e neste novo desafío sodes as empresas as que mellor podedes executar esta transformación facendo uso do instinto empresarial”, sinalou.

O europarlamentario socialista explicou que o Plan de Recuperación non vai dirixido ás grandes empresas, senón a PEMES, cun gran campo de oportunidades que se abre, por exemplo, ao amparo dos 5.000 millóns de euros dirixidos á renovación de vivendas coa mellora da eficiencia enerxética. “As empresas que aposten por este novo paradigma van ter máis éxito”, exemplificou Casares.

Doutra banda, o socialista tamén explicou que “é o momento de ofrecer unha resposta de políticas expansivas coas que restaurar os elementos que aínda permanecen danados tras a crise financeira” e recordou que os fondos deben ir destinados a investimentos e programas que non estivesen xa previstos, “pois se se pretende transformar non se debe investir naquilo xa programado con moita anterioridade”.

Así, Casares puxo de relevo o erro cometido pola Xunta de Galicia ao comprobar que na súa proposta se contemplan multitude de proxectos e investimentos xa programados con anterioridade e incluso xa orzamentados. “Non se sabe se a orixe deste erro é a falta de capacidade para presentar novas iniciativas ou está en satisfacer a vella teima de ser campións en control do déficit nun momento no que ata o FMI anima a gastar”. “A Xunta pretende usar os fondos transformadores para aforrar orzamento propio co risco de pór novamente en risco servizos públicos”, engadiu.

O encontro espertou un enorme interese por parte dos empresarios, que non dubidaron en trasladar as súas preguntas, dúbidas e suxestións. “Ábrese un campo de enormes oportunidades para moitas empresas galegas e portuguesas grazas ao fito histórico que supón a aprobación do Plan de Recuperación e o interese dos sectores económicos é moi importante. Por iso os socialistas seguiremos traballando para dalo a coñecer”.

Artículos relacionados