Prezos da enerxía e acción política socialista: unha cronoloxía

“A proposta anunciada hoxe pola Comisión Europea para reducir os beneficios extraordinarios das eléctricas segue a iniciativa que adoptou España o pasado mes de setembro para facer fronte á alza de prezos da enerxía”, afirmaba o eurodeputado socialista Nicolás González Casares na sesión plenaria do Parlamento Europeo del 8 de marzo.

Na súa intervención lembraba como o goberno español levaba varios meses esixindo medidas a nivel europeo, e aplicándose a nivel estatal, para enfrontar o progresivo aumento dos prezos da enerxía desde principios do 2021. De feito, o eurodeputado xa lle preguntara á Comisión Europea en agosto do ano pasado se tiña prevista algunha medida ou proposta para reducir os chamados ‘windfall profits’ (beneficios caídos de ceo) de certas tecnoloxías de xeración descarbonizadas. Tras esta pregunta parlamentaria, a preocupación pola cuestión enerxética volvía levar aos socialistas para pronunciarse, reiteradamente, sobre ela nos plenos do Parlamento Europeo. Así, no outono, González Casares urxía “unha resposta coordinada europea a curto e a medio prazo”, unha aposta firme polas fontes renovables e a revisión das normas de funcionamento dos mercados enerxéticos, ademais de valorar as propostas realizadas polos Estados membros, como a creación dunha plataforma estratéxica para a compra de gas apuntada por España. “Xa non só falamos de garantir que a xente máis humilde poida quentar a casa ou facer fronte á factura da luz. Falamos de impedir un impacto xeral nas nosas economías que poña en risco a recuperación económica e a transición enerxética”, incidía.

Cos prezos do gas natural disparados e unha dependencia enerxética exterior do 61%, a máis alta en tres décadas, na súa intervención no debate sobre o Estado da Unión da Enerxía, en novembro, o europarlamentario socialista cría que “se está subestimando a crise dos prezos e o impacto que tería unha prolongación desta durante meses”. E non se equivocaba. Apenas tres meses despois a invasión rusa de Ucraína faría saltar polo aire toda previsión sobre os prezos da enerxía.

Sendo o 40% do gas que abastece á Unión Europea de procedencia rusa, os primeiros movementos da UE non se fixeron esperar tras a explosión da guerra. “Afastarse dos combustibles fósiles e fomentar as renovables xa non é só un deber moral para combater o cambio climático, é a necesidade prioritaria para garantir a nosa seguridade e modelo de sociedade”, escribía neses días Casares en La Voz de Galicia.

Europa decidía seguir o ronsel marcado polo goberno español e reducir as ganancias extraordinarias das eléctricas para rebaixar as contías das facturas. Ademais, adoptábase a compra conxunta de gas y asentábanse as bases do Plan REPowerEU co que se busca reducir a dependencia dos combustibles fósiles rusos e avanzar con rapidez na transición ecolóxica. Este plan contempla, entre outras medidas, diminuír o consumo de enerxía nun 13% para 2030, acelerar a concesión de permisos para o desenvolvemento de renovables, impulsar a electrificación do transporte ou mellorar a eficiencia enerxética de empresas e vivendas. “Estímase que en España se poidan crear medio millón de empregos co impulso da enerxía solar e eólica, é unha grande oportunidade industrial”, explicaba o socialista Nicolás González nunha entrevista na Televisión de Galicia.

A demanda do desacople do prezo do gas do da electricidade trasladábase unha e outra vez polos socialistas españois no Parlamento Europeo nese intenso marzo. “Pensemos nos cidadáns, en que lles afecte o menos posible ao peto a crise que imos vivir por culpa desta guerra. Podémolo facer conxuntamente. Agora é o momento. Se non, manteremos estes debates eternos aquí sobre a mesma situación e co mesmo problema, pero cada vez máis agudizado. Creo que é a nosa responsabilidade baixar a ver o que está a pasar na cidadanía e tomar medidas acordes coa situación actual, sobre a que tamén, iso si, debemos facer pedagoxía. Estamos nunha situación de guerra e temos que ser valentes e firmes nas decisións”, defendía Casares no estrado europeo.

A finais de abril e despois dun arduo traballo, o goberno español e luso logran un acordo coa Comisión Europea para desacoplar o prezo do gas da factura eléctrica e frear o galope do prezo da luz. Ao tempo, España pon encima da mesa a denominada “excepción ibérica”, que se aprobaría en xuño, tamén para Portugal, e permitiría limitar o prezo do gas natural no mercado almacenista para paliar o impacto do aumento de prezos. Unha medida que, a priori, estará activa ata o 31 de maio de 2023.

Nesta liña, este verán a Comisión contemplou tamén a “excepción ibérica” ao baixar do 15% ao 10% a redución exixida de consumo de gas ata primavera para aqueles países que demostren que “non poden contribuír substancialmente” a aumentar a subministración doutros estados por falta de interconexións enerxéticas. É o caso de España e Portugal ao ser inferior do 3% a conectividade eléctrica da Península Ibérica co mercado europeo. Con todo, deberán deixar patente que utilizan completamente as súas infraestruturas para redirixir gas a outros Estados membro. Con esta medida, a Comisión Europea busca encher o 80% do almacenamento subterráneo de gas da UE antes do 1 de novembro. “Os consumidores españois pagaron durante anos a súa sobrecapacidade. Iso está a permitir xa ser solidarios co resto de Europa. Era lóxico atopar unha vía que permitise á Península Ibérica axudar e ao mesmo tempo usar todas as súas capacidades e esixir menos redución de consumo. Con todo, este paso que deu a Comisión aínda non é suficiente para as necesidades de España”, engadiu Nicolás González Casares. Respecto á escaseza das interconexións eléctricas na Península Ibérica e ante o impulso da construción do MidCat, un novo gasoduto que uniría España e Francia a través de Cataluña, o eurodeputado destacou a necesidade de que este sexa compatible co transporte de hidróxeno verde.

Os socialistas deixan claro o seu compromiso coas enerxías renovables como a fórmula que garanta unha enerxía limpa e unha maior independencia enerxética. Así o destacaba recentemente Casares nunha entrevista en France 24: “Hai que acelerar o proceso de instalación de máis fontes de enerxía renovable, hai que facer un despregamento rápido, ser ambiciosos e levalo a cabo dunha maneira acelerada, pero á vez respectuosa co medio ambiente, co territorio e coas persoas que viven nese territorio”.

Conscientes das limitacións do mercado eléctrico para facer fronte a situacións de emerxencia, e en cordinación co destacado papel do Goberno de España que demostrou un claro liderado, os eurodeputados socialistas trasladáronlle á Comisión Europea en diversas ocasións a necesidade de “cambiar e reformar as regras do mercado enerxético”.

Artículos relacionados

Unha Galicia forte en Europa

Unha Galicia forte en Europa

Besteiro defende que o PSdeG-PSOE desde o Goberno da Xunta vai estar enganchado a Europa e esa relación coas...