O PSdeG-PSOE de Marín e o eurodeputado Nicolás G. Casares reúnense co sector pesqueiro en Marín

September 13, 2022

Os socialistas Manuel Pazos e Diego González, o eurodeputado Nicolás González Casares e o exsecretario xeral de Pesca, José Loira, manteñen unha xuntanza con OPROMAR e a Cooperativa do Mar de San Miguel en apoio á pesca de fondo ante a decisión da Comisión Europea

O PSdeG-PSOE pon en marcha unha campaña para apoiar a pesca de fondo. O obxectivo desta iniciativa, que conta co apoio da Federación Galega de Confrarías, é tratar de reverter a intención da Comisión Europea de prohibir todas as actividades relacionadas coa pesca de fondo (arrastre, palangre, anzol…) en 94 zonas de pesca en caladoiros de España, Portugal, Francia e Irlanda. Unha medida que, de saír adiante, terá un duro impacto no sector pesqueiro galego e na nosa economía.

Co propósito de debullar os puntos desta campaña, o voceiro do grupo socialista en Marín, Manuel Pazos, o concelleiro Diego González, o eurodeputado Nicolás González Casares e o exsecretario xeral de Pesca, José Loira, reuníronse en Marín con representantes da Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR) e da Cooperativa do Mar de San Miguel.

“O sector da pesca galego é ambientalmente sostible, ademais de ser un motor económico e de emprego na nosa comunidade. Os socialistas imos reclamar ante a Unión Europea que se eliminen as medidas restritivas que se están barallando e que se baseen en informes científicos e datos rigorosos”, explica o europarlamentario socialista.

Os socialistas rexeitan a medida adoptada pola Unión Europea polas seguintes razóns:

a) A decisión debe apoiarse en informes científicos ben fundamentados e aceptados.

b) Debe debaterse cos organismos consultivos e co propio sector pesqueiro.

c) A medida aplícase de xeito indiscriminado a todas as artes de pesca e frotas, sen ter en conta a sistemática de pesca ou a selectividade das mesmas.

d) A frota galega cumpre de xeito claro e rigoroso con todas as normativas aplicadas á súa actividade.

e) A decisión ten un impacto económico e social claro e directo nas frotas afectadas, sen que se presente ningunha alternativa ou compensación.

Con estes argumentos presentes, os socialistas continuarán a defender os intereses dos traballadores e traballadoras do mar, a reunirse co sector pesqueiro e a negociar coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Unión Europea ata conseguir que esta situación tan prexudicial para os intereses de Galicia se reverta.

Artículos relacionados

Unha Galicia forte en Europa

Unha Galicia forte en Europa

Besteiro defende que o PSdeG-PSOE desde o Goberno da Xunta vai estar enganchado a Europa e esa relación coas...