Casares esíxelle transparencia á Xunta e á Comisión Europea sobre o impacto ambiental da Mina de San Finx de Lousame

February 9, 2023

O eurodeputado pregúntalle ao órgano executivo se vai adoptar algunha medida fronte á autorización da Xunta de Galicia á vertedura de augas residuais

A Comisión Europea destinou case sete millóns de euros á Mina de San Finx, en Lousame, a través do proxecto NEXT de Horizonte 2020, o Programa Marco de Investigación e Innovación da UE para o período 2014-2020. O apoio a esta mina de wolframio radica na necesidade de autosuficiencia europea respecto a este material, de difícil substitución e moi importante para a transición enerxética.

Entre as accións contempladas nesta iniciativa inclúese a toma de mostras no quinto nivel da mina, aberto sen avaliación de impacto ambiental. Segundo a información dispoñible, a auga que asolagaba esta planta foi bombeada ilegalmente e vertida ao río ata a finalización do proxecto, en 2020. Polo que o eurodeputado socialista Nicolás González Casares insta á Comisión a ser transparente coas actividades que se desenvolven na mina. O Defensor do Pobo Europeo xa solicitou esta información o pasado mes de novembro, cando se someteu a exposición pública o proxecto de recuperación ambiental para a depuración das augas residuais da mina, sen que a Comisión lle dese resposta.

Nesta liña, a Xunta de Galicia autorizou recentemente, a través de Augas de Galicia, a vertedura de máis dun millón e medio de litros de augas residuais que afectarán á ría de Muros e Noia. Cunha alta concentración de metais pesados como cadmio, cobre e zinc poderían danar enormemente a flora e a fauna da zona, na que se atopa un dos bancos de berberechos máis importantes do mundo. “Sempre se debe avaliar ben o impacto, como neste caso o risco para o banco marisqueiro, e, desde logo, ser transparentes”, incide Casares, que volve dirixirse á Comisión para saber se vai adoptar algunha medida ante a decisión da Xunta, á que tamén lle pide transparencia ao respecto.

Artículos relacionados