Casares ao aprobarse a revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables: “É unha oportunidade de emprego e liderado para Europa”

September 12, 2023

O relator socialista apela á unidade para aumentar a produción e o consumo de renovables en Europa

O Parlamento Europeo deu un paso histórico cara á promoción de fontes de enerxía máis limpas e sostibles ao aprobar a revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables este martes. Este acordo representa un fito significativo nos esforzos da Unión Europea para combater o cambio climático e avanzar cara a unha economía máis verde. Con 470 votos a favor, 120 en contra e 40 abstencións, o texto terá que ser aprobado formalmente polo Consello para a súa entrada en vigor.

“É unha oportunidade de emprego e liderado para Europa”, apunta Nicolás González Casares. Como lembra o relator do Grupo S&D na revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables, o texto recolle unha mellora na planificación espacial e busca a aceptación pública dos proxectos, “a xustiza climática, que ademais é xustiza social, non esquezamos que as enerxías renovables tamén son alcanzables para os cidadáns”. Pediu tamén a todos os partidos, incluídos aos que “flirtean co negacionismo climático”, que apoien a Directiva e vaian máis aló do texto lexislativo, apelando á unidade para aumentar a produción e o consumo de renovables en Europa.

O acordo aprobado eleva o obxectivo renovable da UE para 2030 ata un mínimo do 42,5%, cun complemento adicional indicativo do 2,5% que podería elevar o obxectivo total ao 45%. Ademais, introdúcese un obxectivo indicativo para tecnoloxías innovadoras de enerxía renovable do 5% da nova capacidade instalada de enerxía renovable.

Unha das características máis destacadas do acordo é a implementación de procedementos de autorización máis rápidos e simplificados para proxectos renovables, especialmente en áreas con alto potencial e baixos riscos ambientais, denominadas “áreas de aceleración”. Estes prazos aplicaranse tanto a proxectos novos como a proxectos de repotenciación, con tempos máximos que variarán segundo as circunstancias.

Ademais dos avances no ámbito da xeración de enerxía, o acordo tamén establece novas medidas para promover a adopción de enerxías renovables en diferentes sectores, como edificios, industria, calefacción e refrixeración, e transporte. Por exemplo, respecto aos edificios, o obxectivo é lograr que conten cun 49% de renovables para 2030, e no transporte, reducir o 14,5% das emisións de gases de efecto invernadoiro e incorporar, como mínimo, un 1% de combustibles renovables de orixe non biolóxica. A Directiva tamén reforza os criterios de sustentabilidade da biomasa, tendo en conta as especificidades nacionais. Limítanse os programas de apoio á biomasa non sostible como parte dun enfoque máis sostible da bioenerxía.

A revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables marca un compromiso claro da UE no avance cara a unha economía máis verde, demostrando o seu liderado na loita contra o cambio climático e a transición cara a un futuro máis sostible.

Artículos relacionados