“A innovación e a sostibilidade sanitaria non deben esquecer os coidados primarios”

October 12, 2023

O eurodeputado participa no debate O futuro da saúde en Europa organizado por Economist Impact en Londres

O eurodeputado Nicolás González Casares participa no debate O futuro da saúde en Europa organizado por Economist Impact xunto a Björn von Siemens, cofundador e director financeiro de Caresyntax; Frances Mortimer, directora do Centro para a Atención Médica Sostible; Lambert Montevecchi, fundador e director xeral de Boost Consulting; e Ali Hasan, director médico e de atención sanitaria de Vitality.

O encontro, que se celebra este mércores e xoves en Londres e congrega a máis de cen relatores do sector público, privado e civil da saúde e a tecnoloxía, ten como obxectivo reflexionar e avanzar en materia de sistemas de saúde resilientes, innovadores e inclusivos ante os desafíos que presentou a Covid-19. Unha pandemia que puxo de relevo a necesidade de tomar medidas globais, fortalecendo a cohesión das políticas sanitarias europeas a través da Axencia Europea do Medicamento, o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades e creando regulación sobre as ameazas transfronteirizas.

González Casares sinalou a dimensión social, económica e ecolóxica como necesarias na abordaxe da sustentabilidade dos sistemas de saúde. “Os resultados na sociedade e na saúde dos pacientes van estar modulados pola eficiencia que consigamos neses tres aspectos. Os avances tecnolóxicos axudarannos, usémolos como panca”, afirmou o eurodeputado. Quen destacou a prevención en todos estes ámbitos como a base dunha estratexia sanitaria sostible.

Ante a alta taxa de poboación maior que caracteriza a Europa, Casares chamou á eficiencia “tamén no social”, a unha innovación que non se esqueza dos coidados primarios: “A dixitalización ten barreiras entre a xente maior, as solucións sostibles serán aquelas que se usen e se manteñan”. Respecto á sustentabilidade, mencionou os propios procesos da Axencia Europea do Medicamento, a batería de normas europeas industriais ou o paquete Fit For 55 que afectan a todos os sectores da nosa vida e, polo tanto, fan ao sector da saúde máis sostible.

Nicolás González abordou, ademais, a dificultade de fixar persoal sanitario nas zonas rurais da UE e a necesidade de recoñecer o seu valor como protagonistas dos sistemas sanitarios, apoiándolles no desenvolvemento das súas habilidades. En relación ao sistema sanitario español, tradicionalmente moi eficiente en termos económicos e sociais, cre que debe modernizarse: “A atención primaria debe vivir unha revolución”.

Artículos relacionados