A aposta verde é vermella

febrero 10, 2024

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Praza Pública O 9 DE FEBREIRO. AQUÍ PODES LELO

Na Ría do Burgo, na área metropolitana da Coruña, volvense ver garzas cincentas, volve a pesca, desaparece o cheiro e recupéranse os bancos marisqueiros. Trátase do maior proxecto de rexeneración ecolóxica costeira acometido en España ata a data. Executado polo Goberno socialista do Estado, a Xunta non fixo máis que poñer atrancos e confrontar.

Ninguén se pode levar a engano: nestes 15 anos de Goberno do PP, a Xunta non tivo vocación de protexer un dos maiores valores de Galicia, o seu medio natural.

Como non é de estrañar que un partido que se opón á Lei de Restauración da Natureza en Bruxelas teña unha política ambiental nula, sen rumbo e apática. A única ambición do PP nestes anos foi actuar como un administrador de fincas incapaz, pois en vez de conservar o patrimonio, púxoo en perigo.

En 2022, Galicia padeceu un desastroso incendio no Courel, unha das xoias do noso patrimonio natural. Daquela, tras una interpelación parlamentaria que presentei, a Comisión Europea contestaba textualmente: “o Plan Director da Xunta de Galicia para a xestión de espazos da Rede Natura 2000 non cumpre os requisitos da Directiva de Hábitats incluida a zona Ancares-Courel”. Cómpre lembrar que a cobertura que ofrece a Rede Natura en Galicia está moi afastada da media do Estado, representando só un 12% do territorio fronte a un 27,5% estatal. Só estamos por diante de Melilla… Polo tanto, nin as maiores xoias naturais de Galicia, como a Devesa da Rogueira, están a salvo do PP. A xestión do noso patrimonio natural esixe una continua revisión, control e adaptación, ademais dunha ampliación dos espazos protexidos, pois a cidadanía e os habitantes desas áreas precisan ter claro cales son as actividades permitidas ou non. Sen embargo, Galicia leva 15 anos sufrindo a desidia do PP.

Por iso, o programa que presentan José Ramón Gómez Besteiro e o PSdeG-PSOE propón un mapeado e zonificación do noso territorio para as explotacións enerxéticas que permita un desenvolvemento harmonioso dos proxectos eólicos e solares e que posibilite a participación pública tal como fixemos desde a ponencia do Grupo Europeo de Socialistas e Demócratas na nova Directiva de Renovables, emenda á que, naturalmente, se opuxo o PP.

Ademais, o PSdeG propón unha expansión da Rede Natura, aumentar os Parques Naturais de Galicia e adoptar un Plan especial de protección de ecosistemas autóctonos no que primarase a incorporación das especies tradicionais do bosque galego. Nese plan, tamén porase freo á expansión do monocultivo eucaliptal

Os socialistas temos en España políticas perfectamente recoñecibles que apoian a transición ecolóxica e son recoñecidas a nivel europeo e global. Moitos dos avances neste eido en Galicia, como o mencionado na Ría do Burgo e moitos máis exemplos que se reproducen pola nosa xeografía levan marchamo do Goberno socialista. Polo tanto, a aposta polo proxecto de Besteiro é una aposta verde fiable, envolta nun corazón vermello, que vai ter presente desde o primeiro día que cómpre aumentar o territorio protexido de Galicia e, por fin, xestionar de verdade o noso patrimonio natural sen esquecer as necesidades da veciñanza e os seus modos de vida preexistentes.

Galicia é a súa lingua, Galicia é o seu territorio. Ambos deben ser coidados para preservar a nosa identidade.

Artículos relacionados