Casares comparte co estudantado europeo o pulo á participación cidadá nos comicios europeos: «Non deades por feito que as democracias duran para sempre, hai que defendelas»

marzo 18, 2024

O eurodeputado reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela con máis de 80 estudantes de toda Europa que realizaron o Camiño Francés

Nun esforzo por promover a participación cidadá nas próximas eleccións europeas do 9 de xuño, un grupo de 85 estudantes e 16 docentes de oito centros educativos de toda Europa (España, Bulgaria, Alemaña, Portugal e Romanía) chegaron hoxe a Santiago de Compostela tras percorrer os 115 quilómetros que separan a Sarria da capital galega. Esta acción desenvólvese baixo a iniciativa Camiño Europa 2024, cuxo obxectivo é estreitar lazos entre as diversas culturas que conforman a Unión Europea, dando exemplo dos valores sobre os que se asenta a UE, e fomentar a votación nos vindeiros comicios.

Os mozos e mozas, de entre 16 e 18 anos, recibiron a Compostela e posteriormente foron recibidos polos tres eurodeputados galegos, o socialista Nicolás González Casares, Ana Miranda (BNG), vía online, e Francisco Millán Mon (PP) no Pazo de Fonseca para conversar sobre as súas demandas para o Parlamento Europeo.

«Santiago é unha das verdadeiras capitais que forxaron o que hoxe coñecemos como Europa e, ademais, é importante para o labor da Unión Europea», apuntaba González Casares ao comezo da súa intervención. O membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía, e líder da reforma do mercado eléctrico, chamou á participación nas próximas eleccións europeas ao poñer de relevo a importancia que cobran as decisións que se toman en Bruxelas ao influír directamente nas leis nacionais e, polo tanto, no día a día da cidadanía, poñendo como exemplo o desafío climático ao que nos enfrontamos. Este proceso electoral exemplifica os principios dos que nace e se desenvolve a UE: «democracia e respecto polos dereitos humanos e a liberdade». «Non deades por feito que as democracias duran para sempre, hai que defendelas», engadía ante un Salón Nobre ateigado de mozos e mozas.

As políticas de igualdade e laborais xunto ás guerras de Ucraína e Gaza foron catro dos temas sobre o que estudantado preguntou aos eurodeputados. «As prácticas deben ser remuneradas; é inaceptable que alguén que traballa, aínda que sexa en período formativo, non se lle pague por iso», expoñía Casares ao tempo que situaba as prácticas retribuídas como unha medida impulsora da incorporación da xuventude ao mercado laboral e creadora de estándares en materia de dereitos laborais e sociais. Respecto á preparación dos europeos máis novos, o socialista destacou o programa Erasmus, «sen o que sería imposible entender a Unión Europea», e comprometeuse a apoiar a difusión do programa Erasmus +, destinado a todas as persoas en todos os seus ámbitos e sectores educativos, xunto ás administracións locais, responsables de achegar esta información á sociedade civil.

Unha das preguntas dos asistentes centrouse na baixa natalidade, unha problemática á que González Casares deu resposta apostando por máis recursos para as políticas sociais e incrementando as baixas maternais e paternais, ademais de facer unha defensa acérrima das necesarias políticas de igualdade.

Ante a axitación que se vive coas guerras de Ucraína e Gaza, o eurodeputado socialista instou a non caer na propaganda de Putin e as súas fake news e avogou polo alto ao lume permanente en Gaza: «Ou nos poñemos todos a combater o que está a ocorrer e a soportar unha boa axuda para Gaza ou as consecuencias serán moito máis devastadoras».

Con este encontro remataba hoxe unha viaxe repleta de actividades desenvolvida baixo a máxima de que a conversa entre culturas, ideas é o que move a Europa.

Artículos relacionados